O CCII leva as súas reivindicacións ao Congreso a través dunha pregunta do BNG

Demanda que a enxeñaría informática debe ser unha parte esencial da Sociedade da Información e se inclúan no CATSI e no Grupo de Expertos para la Agenda Digital Española
Logotipo do CCII

O Consejo General de Colegios Profesionales de Ingeniería en Informática (CCII) , do cal forma parte o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) , congratúlase do rexistro recente no Congreso dos Deputados dunha pregunta relativa ao propio Consejo, formulada polo Grupo Parlamentario Mixto a través do deputado do BNG Francisco Xesús Jorquera Caselas.

A pregunta, da que o BNG solicita resposta por escrito, inquire sobre a razón de que o Consejo General de Colegios Profesionales de Ingeniería en Informática non se incluíra aínda no Consejo Asesor de Telecomunicaciones y de la Sociedad de la Información (CATSI), cando a lei establecía un prazo de seis meses para dita inclusión desde a súa aprobación en 2009, e se o vai incluír e cando.

Outra das cuestións expostas na iniciativa parlamentaria fai referencia aos estatutos definitivos do Consejo, que xa foron remitidos hai meses ao Goberno sen obter ningunha resposta. A pregunta finaliza interrogando por que razón desde a Secretaría de Estado de Telecomunicaciones y para la Sociedad de la Información non se incluíu a ningún profesional da enxeñaría informática no Grupo de Expertos para elaborar a Axenda Dixital Española.

CARTA ANTERIOR AO MINISTRO DE INDUSTRIA

Cómpre lembrar que os Consejos Generales de Colegios Oficiales de Ingeniería Informática e Ingeniería Técnica Informática, CCII e CONCITI, respectivamente, lle remitiron en marzo do presente ano unha carta ao ministro de Industria, Enerxía e Turismo, José Manuel Soria López, solicitándolle a incorporación inmediata ao recentemente creado Grupo de Expertos de Alto Nivel para la Agenda Digital Española, ao tratase dun órgano encargado do "asesoramento estratéxico en materia da Sociedade da Información".

Desde o punto de vista do Consejo General de Colegios Profesionales de Ingeniería en Informática e para o CPEIG cómpre máis consideración para a informática, que é "a disciplina máis transversal do momento, xoga un papel crucial no noso presente e no noso futuro, e os seus profesionais, aos que representamos, son parte absolutamente imprescindible do actual proceso de transformación e da construción do noso futuro social e económico. O sector da enxeñaría informática é actualmente unha clara oportunidade de competitividade para a economía española no seu conxunto",