Un investigador galego mellora o rendemento e reduce o consumo de enerxía dos supercomputadores

O CESGA vén de probar no seu supercomputador FinisTerrae un mecanismo que lle permite avaliar o rendemento das aplicacións executadas e mellorar o uso da memoria e do procesador
Código Cero

 Á máxima autoridade do noso país en materia de supercomputación, o CESGA, vén de probar no seu supercomputador FinisTerrae un mecanismo que lle permite avaliar o rendemento das aplicacións executadas no mesmo, e mellorar así o uso da memoria e do procesador, "conseguindo", segundo afirman, "menor tempo de execución e obtendo resultados máis rápidos e menos consumo de enerxía".

Isto foi posible grazas a un proxecto desenvolvido polo investigador Juan Angel Lorenzo del Castillo no marco da súa tese, dirixida na Universidade de Santiago de Compostela e desenvolvida conxuntamente co CESGA, a UDC e a firma HP, para quen traballa na actualidade o executor do proxecto, nos HP Labs de Bristol, no Reino Unido.

A investigación ía orientada a mellorar o rendemento dos procesadores coma os que compoñen o supercomputador FinisTerrae do CESGA, e o seu creador xustifícaa o seu desenvolvemento polo mero feito de que os traballos que se levan a cabo nos superordenadores "requiren equipos moito máis potentes que os ordenadores domésticos".

"Neste contexto", apunta Juan Ángel Lorenzo, "resulta clara a necesidade de conseguir a execución destes programas da forma máis eficiente posible, para aforrar tempo e diñeiro". Tradicionalmente, a avaliación do rendemento de aplicacións fíxose a nivel do sistema operativo, utilizando as ferramentas das que este dispoñía, para medir aspectos tales como o uso de memoria ou do procesador. Con todo, "estas ferramentas carecían de suficiente precisión nalgúns casos", informa o investigador, quen engade que "a miña colaboración co CESGA durante o meu doutoramento centrouse en estudar os contadores hardware dos microprocesadores Itanium 2 do ''Finis Terrae''. Estes posúen uns contadores hardware moi avanzados, denominados Event Address Registers (EAR), que permiten obter, entre outras, a posición exacta de memoria na que sucedeu un evento determinado durante a execución dun programa".
Durante a súa tese, o Lorenzo elaborou mecanismos que permiten non só avaliar o rendemento das aplicacións executadas neles, senón tamén tomar medidas efectivas, en tempo de execución, para mellorar o uso da memoria e do procesador. Deste xeito, as aplicacións poden executarse de modo máis eficiente, o que implica un menor tempo de execución, obtención de resultados máis rápidos, e un menor consumo de enerxía