Cidadáns e empresas xa poden tramitar de xeito telemático máis de 300 procedementos na sede electrónica da Xunta

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica inaugurou esta mañá a “Xornada Administración electrónica, sede goberno e facturación”, organizada polo CPEIG

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica inaugurou esta mañá a “Xornada Administración electrónica, sede goberno e facturación”

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, sinalou esta mañá que o Goberno galego vén desenvolvendo un conxunto de medidas a través da Axenda Dixital 2014.gal para avanzar cara unha Administración electrónica capaz de ofrecer a cidadáns e empresas uns servizos eficientes e próximos mediante o emprego das tecnoloxías da información.

Neste sentido, destacou que o obxectivo da Xunta neste momento difícil no que é importante valorar os investimentos fronte aos beneficios que supoñen, o desenvolvemento da administración electrónica supón a mellora da eficiencia e a redución de custes na propia administración pública así como a diminución das cargas administrativas para cidadáns e empresas.

Plan de Modernización

Por iso, o Goberno galego está abordar desde esta perspectiva a mellora da súa propia xestión interna no marco das iniciativas impulsadas pola Axenda Dixital de Galicia 2014.gal. E neste sentido a responsable da Amtega repasou algúns dos principais fitos marcados no Plan de Modernización da Administración autonómica e que xa son unha realidade como a edición electrónica do DOG, que acaba de cumprir un ano de entrada en vigor e que permitiu un aforro de 1 millón de euros.

Mar Pereira fixo especial fincapé na entrada en funcionamento, o pasado mes de setembro, da sede electrónica da Xunta de Galicia, na que a día de hoxe cidadáns e empresas poden tramitar de xeito electrónico de mais de 300 procedementos, máis do 20% do total. Cómpre destacar que antes da posta en marcha do Plan de Modernización só se podían tramitar electrónicamente o 4% dos procedementos. O obxectivo para este ano é que o 95% dos novos procedementos ser poidan xestionar a través desta plataforma.

A directora da Amtega sinalou que este proceso de modernización require tamén dotar dos medios necesarios aos traballadores públicos e neste contexto encaixa tamén o proxecto Kronos para acreditar dixitalmente aos empregados públicos. A día de hoxe son xa máis de 4.000 funcionarios da Administración xeral e de Xustiza que dispoñen de este certificado que permitirá avanzar na extensión da sinatura electrónica e de xestión do documento electrónico.

Así mesmo, destacou outra das máis recentes iniciativas comprometidas no Plan de Modernización, a posta en marcha o pasado mes de marzo do portal Abert@s. Con este espazo Galicia sumouse as iniciativas de Open Data que se veñen desenvolvendo desde 2009 a nivel internacional e, posteriormente, a nivel estatal.

Pereira destacou que somos a novena comunidade que pon a disposición de cidadáns e empresas información xerada pola Administración para a súa reutilización. Sen embargo, este portal é xa o quinto do Estado en canto a contidos xa que comezou a súa andaina cun catálogo inicial de 250 conxuntos de documentos, unha cifra superior á doutras comunidades con portais Open Data operativos desde hai dous anos.

Axenda Dixital 2009-2011

A directora da Amtega recordou o Goberno galego mobilizou un total de 660 millóns euros, entre capital público e privado, nas liñas de actuación desta estratexia tecnolóxica global da Xunta. Un investimento co que se conseguiu diminuír nun 60% a poboación sen acceso a internet na Comunidade, mellorar os servizos públicos galegos grazas a integración das TIC na Administración e contribuír a impulsar o sector da economía do coñecemento como elemento clave para incrementar a produtividade das empresas galegas.

Mar Pereira sinalou que a través desta folla de ruta en materia de tecnoloxía se están a sentar as bases para afrontar os cambios e os futuros retos da sociedade da información. E finalizou indicando que o Goberno galego fixo unha aposta clara polas novas tecnoloxías desde o primeiro momento. Unha aposta que se está a manter e cumprir a pesar das restricións orzamentarias e baseada no convencemento de que as TIC son a ferramenta que axudará a conseguir unha Galicia máis competitiva desde o punto de vista económico e social.