O recén inaugurado Portal Open Data da Xunta ocupa a quinta posición a nivel estatal en volume de contidos

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica inaugurou esta mañá en Santiago a “Xornada Open Data. Oportunidades de Transparencia na era da información”
Presentación da Xornada Open Data. Oportunidades de Transparencia na era da información

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, destacou hoxe o esforzo do Goberno galego por potenciar a transparencia informativa, incrementar a accesibilidade e fomentar a participación cidadá e a súa interlocución coa Administración con medidas como a recente posta en marcha do portal Abert@s. Con este espazo Galicia sumouse as iniciativas de Open Data que se veñen desenvolvendo desde 2009 a nivel internacional e, posteriormente, a nivel estatal.

A responsable da Amtega sinalou que somos a novena comunidade que pon a disposición de cidadáns e empresas información xerada pola Administración para a súa reutilización. Sen embargo, este portal, que se puxo en marcha a finais de marzo, é o quinto do Estado en canto a contidos xa que comezou a súa andaina cun catálogo inicial de 250 conxuntos de documentos, unha cifra superior á doutras comunidades con portais Open Data operativos desde hai dous anos.

Sen embargo, Mar Pereira recalcou que este é o punto de partida dunha estratexia encamiñada, non só a incrementar en volume e calidade os formatos nos que se presenta a información, senón tamén a aumentar a participación das empresas e emprendedores, establecer mecanismos de interlocución para coñecer súas necesidades, os seus proxectos e establecer unha canle aberta de comunicación que permita mellorar de forma continúa as prestacións que ofrece Abert@s.

Clave para o sector infomediario

Mar Pereira subliñou a importancia deste ferramenta, especialmente, para o sector infomediario, é dicir, a industria de contidos dixitais que atopará materia prima para crear novos produtos e servizos e aplicacións de valor engadido.

Neste sentido, directora da Axencia recordou que a reutilización da información pública en España por parte deste sector xera un volume de negocio anual de entre 550 e 650 millóns de euros e emprega directamente preto de 5.500 traballadores, segundo un estudio realizado polo Observatorio Nacional das Telecomunicacións e a Sociedade da Información en 2011.

Malia ocupar a quinta posición a nivel mundial e a primeira a nivel europeo en canto a iniciativas Open Data, Mar Pereira sinalou que as Administracións públicas aínda teñen que realizar un esforzo maior na difusión do Open data establecendo un diálogo continuo co sector infomediario, que será o que creará novos servizos en base a información do sector público que devolvan á sociedade o valor económico e social da reutilización.

Modernización da Administración pública

A directora da Amtega recordou que Abert@s é unha iniciativa enmárcase dentro no Plan de Modernización da Administración Pública de Galicia, baseado na mellora e modernización dos servizos que ofrece a Xunta de Galicia de cara ao cidadán. Neste sentido sinalou que este portal Open Data supón un paso máis dentro deste folla de ruta para facer efectivo o acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos durante as 24 horas do día e proporcionar ferramentas efectivas para achegar a Administración pública aos cidadáns, canalizándoa a través dunha relación electrónica