O CPEIG convoca o I Premio Open Data

Os proxectos candidatos poderanse presentar ata o 12 de xuño e defenderanse en público nunhas xornadas o 14 de xuño
Logo CPEIG Premio Open Data I

Open Data e RISP constitúen elementos xeradores de emprego e riqueza ao abrir a posibilidade de oportunidades de negocio para emprendedores que poden crear novas aplicacións, servizos e produtos en base a esta información.

O futuro encamíñase na dirección de modelos de negocio online que evolucionan constantemente para satisfacer a inmediatez e a personalización da demanda actual. Isto, xunto coa clara tendencia cara a un consumo cada vez máis dixital, coloca o sector empresarial diante dun reto dunha enorme envergadura, pero tamén ante un abano de oportunidades.

Para fomentar o coñecemento e potenciar o espírito emprendedor na nosa comunidade, o CPEIG convoca o I Premio Open Data, aberto á presentación de candidaturas ata o 12 de xuño, e que tenta ser un estímulo para o desenvolvemento de aplicacións neste novo paradigma .

Unhas interesantes xornadas que se celebrarán o 14 de xuño no salón de actos do CERSIA (Avda. Fernando Casas Novoa s/n, 15707, Santiago de Compostela) daranlle a oportunidade aos emprendedores de defender os seus proxectos en público.

A dotación do premio é de 600€ para o proxecto gañador, 400€ para o segundo clasificado e 200€ para o terceiro.