INTECO publica o estudo sobre incidencias e necesidades de seguridade nas PEME

O correo electrónico dos galegos rexistra, nestes momentos, a menor incidencia de virus do Estado.

O Observatorio de Seguridad de la Información, do Instituto Nacional das Tecnoloxías da Comunicación (INTECO) publicou un estudo sobre a situación das pequenas e medianas empresas españolas en materia de e-confianza e seguridade da información que serve para coñecer as necesidades e avaliar as accións que fomenten a chamada cultura da seguridade da información.

O "Estudo sobre incidencias e necesidades de seguridade nas pequenas e medianas empresas españolas" demostra que existen importantes riscos para a seguridade da información que as pemes non están a ter en conta (robos de información, malos usos dos sistemas, consecuencias medioambientais e problemas asociados aos soportes).

A investigación do INTECO detectou a escaseza de servizos para configurar e manter adecuadamente as ferramentas de seguridade e a xestión de incidencias, así como a falla de atractivos dos existentes. As conclusións deste estudo localizan un grande nicho de mercado en relación á seguridade da información na PEME, salientando os servizos de asesoramento técnico e identificando unha serie de motivos polos que fan que este mercado non estea o suficientemente desenvolvido. Ademais, proporciona unha serie de medidas medidas e recomendacións destinadas á Industria e ás Administracións Públicas, neste sentido.

O virus Netsky.P en Galiza

Segundo os dados que proporciona o propio INTECO, no seu Mapa de incidencias por Comunidades Autónomas, o correo electrónico dos galegos rexistra, nestes momentos, a menor incidencia de virus do Estado. Concretamente, o INTECO atopou virus no 0,27% dos correos enviadas dende Galiza entre os máis de 400 millóns de mensaxes de correo electrónico que escaneou en 2007, un millón e medio de mensaxes diarias.

Cantabria, A Rioxa e Euskadi tamén presentan, a día de hoxe, uns niveis inferiores ao 3% e por baixo da media estatal. Por contra, agora mesmo Andalucía presenta un 5% do seu email infectado. O Netsky.P, un virus de perigosidade baixa, acapara o 63% das incidencias rexistradas en Galiza.