Madrid acollerá o Workshop Sociedade da Información e Desenvolvemento Urbano-Rexional

O encontro terá lugar en xuño e ten o apoio do Máster en Sociedade da Información da USC, no que colabora o CPEIG.
Logotipo da Universidade de Santiago

Madrid acollerá o vindeiro mes de xuño o Primeiro Workshop Sociedade da Información e Desenvolvemento Urbano-Rexional, desenvolvido co apoio do Máster en Sociedade da Información da USC e do proxecto SINDUR, no que colabora o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia. O encontro intégrase na 7ª Conferencia Ibérica de Sistemas e Tecnoloxías de Información (CISTI 2012) que se desenvolverá do 20 ao 23 de xuño.

O obxectivo é promover un foro axeitado para a discusión dos diferentes aspectos relacionados coa creación e desenvolvemento de información intelixente e sistemas de comunicación. Trátase de reunir á comunidade científica, á industria e á sociedade para discutir de maneira interdisciplinar sobre o estado da arte, dos modelos e arquitecturas, así como dos paradigmas e as fronteiras que motivan o avance da sociedade da información nos espazos urbanos e rurais.

Así, afondarase en áreas como a comunicación, a intelixencia artificial, a ciencia web, o desenvolvemento rexional, teorías e modelos das ciencias económicas e sociais, a representación do coñecemento e a enxeñaría, a infraestrutura da información e os sistemas intelixentes distribuídos na web e na sociedade.

As persoas interesadas neste encontro poden obter máis información na web www.aisti.eu/cisti2012/.