Un novo marco legal garante a accesibilidade da Web para as persoas discapacitadas

Antes de fin de ano os portais das administracións públicas deben cumprir a norma UNE 139803:2004.

Durante o ano 2007 aprobáronse varias leis de grande importancia para a accesibilidade dos portais de Internet que obrigan a que determinadas aplicacións web da Administración Pública, entidades bancarias, axencias de viaxe, aseguradoras, empresas de transporte, subministradoras de electricidade, gas e auga, entre outras cumpran cos niveis de prioridade 1 e 2 da Norma UNE 139803:2004 a partir do 31 de decembro de 2008.

A nova lexislación establece ademais outras obrigas, como indicar nos portais de Internet o nivel de adecuación, a data da revisión ou un enderezo específico de contacto. Estas leis recollen tamén cuestións tan importantes como a certificación dos portais, as sancións por incumprimento das obrigas de accesibilidade e outros asuntos novidosos, como é o dereito dos discapacitados auditivos e das persoas xordas a que o contido dos portais estea dispoñible na linguaxe de signos, equiparada xa a calquera outra lingua do Estado.

A norma UNE 139803:2004 “Aplicacións informáticas para persoas con discapacidade. Requisitos de accesibilidade para contidos na web” fixa unha serie de características que todo portal Web debe cumprir se quere ser accesible, servindo ademais como base para a Certificación de Accesibilidade TIC (Accesibilidade Web) actualmente vixente no Estado español. Esta norma é compatible coas Directrices de Accesibilidade para o Contido Web 1.0 do WAI, e até contén un documento xunto no que se presenta a equivalencia entre os puntos da norma española e os de ditas directrices.

Unha norma é un documento público ao que poden acceder todas as persoas interesadas, previo pago dun pequeno canon. O organismo normalizador pertinente, neste caso AENOR, é o garante da dispoñibilidade do documento e a súa estabilidade, asegurando un proceso formal de cambio. No caso concreto da norma 139803, é posible descargala de balde en formato pdf.

O novo marco legal

- Real Decreto 1494/2007, de 12 de novembro, polo que se aproba o Regulamento sobre as Condicións Básicas para o Acceso das Persoas con Discapacidade ás Tecnoloxías, Produtos e Servizos Relacionados coa Sociedade da Información e Medios de Comunicación Social.

- Lei 11/2007, de 22 de xuño. Acceso electrónico dos cidadáns aos Servizos Públicos.

- Lei 27/2007, de 23 de outubro, polas que se recoñecen as linguas de signos españolas e regulaméntanse os medios de apoio á comunicación oral das persoas xordas, con discapacidade auditiva e xordocegas.

- Lei 49/2007, de 26 de decembro, pola que se establece o réxime de infraccións e sancións en materia de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade

- Lei 56/2007, de 28 de decembro, de Medidas de Impulso da Sociedade da Información