O CPEIG ten desde esta mañá unha nova xunta de goberno

A nova xunta de goberno traballará pola mellora dos estudos, a formación continua dos colexiados e a informática verde
Xunta de goberno elexida o 10 decembro do 2011

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) ten desde esta mañá unha nova xunta de goberno que velará polos intereses das 325 persoas colexiadas, polos estudos e a profesión informática. O Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, acolleu a xuntanza na que se produciu a proclamación da única candidatura presentada ás eleccións.

Resultou reelixido como presidente Fernando Suárez Lorenzo, que contará na xunta de goberno co apoio dos seguintes colexiados: Juan Otero Pombo, vicepresidente; Juan José González Cid, secretario; Francisco Manuel Bago Castro, vicesecretario (o único, xunto co presidente, que xa pertenceu á anterior xunta de goberno); Antonio Carro Mariño, tesoureiro; Juan Luis Núñez Tourís, vicetesoureiro; Francisco Javier García Tobío, vogal 1; Alejandro Diego Benítez Martínez, vogal 2; Fernando Abraham Pizarro Fernández, vogal 3; e Francisco Javier Rodríguez Martínez, vogal 4.

Suárez Lorenzo tivo palabras de agradecemento tanto para os membros saíntes como para o equipo que a partir de hoxe o acompañará ao temón do CPEIG. Do mesmo xeito, dirixiuse aos colexiados e colexiadas para asegurarlles que o novo equipo "traballará con novas forzas pola promoción e defensa da profesión".

RENOVACIÓN DUN 80%

A nova xunta de goberno, que se anovou nun 80 por cento respecto á anterior, destaca como obxectivos a acadar a mellora dos estudos universitarios. Así mesmo, o colexio seguirá apostando pola formación continua e de calidade para os colexiados e colexiadas.

Salienta, ademais, o impulso que se lle dará desde o colexio á green IT, é dicir, a informática verde, de xeito que se impulsarán iniciativas, individuais e colectivas, que contribúan a mitigar o cambio climático unindo un uso eficiente das tecnoloxías da información e da comunicación.

O fomento do galego no ámbito da tecnoloxía e a promoción da igualdade de xénero nos estudos e traballos técnicos son dous aspectos que se integran tamén na folla de ruta do CPEIG. Ademais, o ente colexial seguirá fomentando a relación coas diferentes administracións e co sector empresarial TIC e non TIC, na defensa do sector galego como referencia nacional.