A WiFi marcou tendencia en 2007

Un 52% dos internautas expertos conectáronse á Rede desde a casa, a través de Wireless.

En 2007 medrou un 10% o número dos internautas que accederon a Internet a través de redes WiFi, chegando a supoñer o 66% dos navegantes. Esta é unha das conclusións da décima Enquisa a Usuarios de Internet de AIMC na que participaron máis de 40.000 internautas.

Un 52% dos enquisados conectáronse á Rede desde a casa, a través de WiFi, fronte ao 43% que afirmaba telo feito na enquisa do ano 2006 e en menor medida (case un 4%) desde lugares como aeroportos ou zonas onde os concellos ofrecen esta conexión de balde.

Hai que advertir que neste estudo os que máis usan a Rede están sobrerrepresentados. Así, nos datos de interese que ofrece este informe atopamos elementos que marcan tendencias máis que métricas precisas. Deste xeito, o estudo conclúe que medrou o número de persoas que usan a videoconsola para conectarse a Internet (do 8,3% ao 12,9%), que diminuíu moi lixeiramente o número de persoas que acceden á Rede a través do teléfono móbil e que aumentaron un 8% as persoas que utilizan o ordenador portátil.