O CPEIG falla os Premios Proxecto Fin de Carreira e Comunicación Informática

O CPEIG recoñece a Daniel Fernández Núñez, da UDC, co Premio Proxecto Fin de Carreira e o xornal electrónico Código Cero na modalidade Comunicación.
Foto Daniel Fernández Núñez

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de fallar os seus premios Fin de Carreira e Comunicación Informática. Daniel Fernández Núñez, orixinario do Barco de Valdeorras, resultou gañador da segunda convocatoria do Premio Proxecto Fin de Carreira, polo seu traballo Deseño e Implementación dun MOM (Message Oriented Middleware) Escalable en Java para Aplicacións Financeiras, mentres que o diario tecnolóxico Código Cero, que dirixe Xosé María Fernández Pazos, resultou merecedor da modalidade Comunicación Informática.

A entrega dos premios terá lugar o vindeiro venres, día 28 de outubro, no transcurso da Terceira Noite da Enxeñaría en Informática, na que o interese común da defensa da Informática reunirá unhas 300 persoas no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela, relacionadas co sector TIC.

Daniel Fernández Núñez, formado na UDC, acadou a máxima cualificación, un 10, na convocatoria de setembro de 2011. O traballo premiado está sendo obxecto dun proxecto de valorización comercial e transferencia de tecnoloxía a nivel internacional nun ámbito no que este tipo de proxectos se valora en máis de un millón de euros, "o que pon de manifesto a madureza e a proximidade ao mercado desta solución", segundo destaca o premiado. Aínda que varias multinacionais TIC manifestaron o seu interese en adquirir esta tecnoloxía, a decisión final foi apostar pola maduración do proxecto en Galicia, inicialmente no seo da propia UDC.

Como xurado da modalidade Proxecto Fin de Carreira actuaron: Alberto Valderruten Vidal, decano da Facultade de Informática da Coruña; María José Carreira Nouche, subdirectora da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC; Enrique Barreiro Alonso, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo; Francisco Bago Castro, vogal do CPEIG e Fernando Suárez Lorenzo, presidente do CPEIG.

Na modalidade Comunicación Informática resultou gañador o diario electrónico Código Cero -que xa fixo dez anos de vida informando- polo seu "intenso e rigoroso labor informativo a prol do sector TIC e da Enxeñaría en Informática en concreto". Foron xurado desta modalidade: Xosé Pereira, decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC; Hernán Vila, vicepresidente do CPEIG; Francisco Bago, vogal do CPEIG, e o presidente do colexio, Fernando Suárez Lorenzo.

Os gañadores recibirán os seus galardóns o vindeiro venres, xunto cos seguintes premiados:

  • Premio á Facultade de Informática da Coruña polo seu 25 aniversario.
  • Premio á Traxectoria Profesional: Juan Pazos Sierra, primeiro doutor en Informática e catedrático de Enxeñaría do Coñecemento de España. Foi director do primeiro laboratorio de intelixencia artificial de España.
  • Premio Iniciativa Empresarial: saída da consultora tecnolóxica Altia ao Mercado Alternativo Bursátil (MAB).
  • Premio Iniciativa da Administración: proxecto Abalar, Xunta de Galicia.
  • Premio Iniciativa Emprendedora: Iniciador Galicia. Punto de encontro para os emprendedores TIC galegos que xa conta con más de 25 eventos, máis de 1.200 asistentes, máis de 900 seguidores por streaming, 1.700 followers en twitter e 350 seguidores en linkedin.

PATROCINADORES

Como en ocasións anteriores, o CPEIG conta co patrocinio de diversas empresas e institucións para a organización da gala e dos premios. Colaboran como patrocinadores de ouro: Altia, Bahia Software, Bull, Everis, Hewlett-Packard, Plexus, Telefónica e Xunta de Galicia; como patrocinador de prata, o Concello de Santiago e como patrocinadores de bronce: Coremain, El Corte Inglés, Insa, Retegal, Tecnocom, Treelogic e La Caixa.