O CPEIG colabora coa Xunta no Plan Formativo Ofimático de Galicia

Membros do colexio elaboraron os contidos dos cursos de acreditación de competencias

Logotipo da escola galega de administracións públicas (EGAP)Símbolo do CPEIGMembros do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) elaboraron os contidos dos cursos integrados no Plan Formativo Ofimático de Galicia, incluído dentro do Plan Estratéxico 2014.gal, da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica (SXMIT). Nese plan está involucrada a Escola Galega de Administración Pública (EGAP), organismo co que habitualmente colabora o CPEIG.

O Plan Formativo Ofimático de Galicia comprende un conxunto de cinco cursos cun contido adaptado ao Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, que busca promover a avaliación e a acreditación das competencias profesionais en ofimática das persoas que prestan servizos na Administración. Para cada un dos cursos do Plan Formativo Ofimático hai dúas modalidades: en software propietario (contorno Windows e Office) e en software libre (contorno Linux e Open Office).

O traballo desenvolvido por parte de membros do CPEIG é un exemplo claro da continua colaboración que este organismo mantén coa EGAP, como tamén o foi a elaboración e publicación recente dos temarios dos grupos A1 e A2 de Sistemas e Tecnoloxías da Información.