III Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia

Logotipo da III Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia

Presentación

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) constituiuse en decembro de 2007 como corporación de dereito público e de carácter profesional con personalidade xurídica propia que se rexe pola normativa vixente na materia e polos seus estatutos.

Cunha estrutura interna democrática e independente das administracións públicas, o colexio agrupa obrigatoriamente a todas as persoas que, tendo o título oficial de Enxeñaría en Informática ou Licenciatura en Informática, desenvolvan actividades propias da profesión en Galicia.

Na actualidade o CPEIG suma 325 colexiados e colexiadas.

O galardón como recoñecemento

Por segundo ano consecutivo, o colexio outorgará os seus premios dentro da III Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia. A través de distintas categorías, os colexiados e colexiadas recoñecerán aquelas iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da Enxeñaría en Informática:

  • Premio á Facultade de Informática da Coruña polo seu 25 aniversario.

  • Premio Proxecto Fin de Carreira. Aberto á presentación de candidaturas, tenta ser un estímulo para os estudantes. Será o único con dotación económica.

  • Premio ao Labor Xornalístico a prol da Informática. Aberto á presentación de candidaturas recoñecerá aquel/a profesional do xornalismo (impreso, radiofónico, audiovisual ou dixital) que mediante un traballo concreto ou o conxunto do seu labor impulsase o coñecemento da Enxeñaría en Informática ao longo dos anos 2010 e 2011. 

  • Premio á Traxectoria Profesional. Juan Pazos Sierra, primeiro doutor en Informática e catedrático de Enxeñaría do Coñecemento de España. Foi director do primeiro laboratorio de intelixencia artificial de España, profesor visitante en distintos lugares: Sunderland Polytechnic (GB), Joint ResearchCenter (UE)e Universidad Carnegie-Mellon (EUA).

  • Premio Iniciativa Profesional. Saída ao Mercado Alternativo Bursátil (MAB) da empresa Altia, consultora tecnolóxica.

  • Premio Iniciativa da Administración. Proxecto ABALAR. É unha iniciativa que substancia a estratexia para a integración plena das TIC na práctica educativa en Galicia. ABALAR inclúe e integra todas as iniciativas no ámbito educativo, xuntando os esforzos cara á modernización e mellora da educación como parte da estratexia transversal do Goberno galego de promoción das TIC a todos os sectores da actividade.

  • Premio Iniciativa Emprendedora. Iniciador Galicia. Punto de encontro para os emprendedores TIC galegos que xa conta con máis de 25 eventos e charlas, máis de 1.200 asistentes, máis de 900 seguidores por streaming, 1.700 followers en twitter e 350 seguidores en linkedin. 

Agás no caso da persoa premiada co galardón ao Proxecto Fin de Carreira, os demais recibirán unha estatuíña sen dotación económica. 

Desenvolvemento do acto

A Terceira Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia terá lugar, baixo a presidencia do Sr. Alberto Núñez Feijoo, presidente da Xunta de Galicia, o vindeiro día 28 de outubro, ás 20.15h, no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela.

Ao evento están convidados diversas personalidades da Administración Pública e do ámbito universitario, entre outras.

Actuará como monologuista e presentador do acto Miguel Lago.

Patrocinios e colaboracións

Está previsto que preto de douscentos colexiados e colexiadas asistan ao acto.

Para a organización do evento, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia agradece a colaboración das diversas empresas e institucións galegas que operan no eido das novas tecnoloxías.

Co convencemento de que o apoio ao colexio e ás súas actividades representa un pulo á profesión, o CPEIG ofrece a posibilidade de participar na celebración da gala como entidades patrocinadoras ou colaboradoras mediante a formalización dun acordo. 

A colaboración económica terá como contraprestación para a entidade a situación dun representante seu nun lugar destacado durante a cea e a presenza do logotipo en todo o material divulgativo que se realice con motivo do evento, ademais da mención do nome da entidade como patrocinadora nos comunicados de prensa que se lles remitan aos medios de comunicación. As situacións do comensal e da imaxe da entidade patrocinadora serán acordes coa categoría do patrocinio.

Establécense as seguintes categorías de patrocinio:

  • Ouro (3.000 euros). A entidade patrocinadora terá dereito a seis convites individuais para asistir á gala e á entrega dun dos galardóns.

  • Prata (2.000 euros). A entidade patrocinadora terá dereito a catro convites individuais para asistir á gala.

  • Bronce (1.000 euros). A entidade patrocinadora terá dereito a dous convites individuais para asistir á gala. 

Asistencia ao acto

O prazo de inscrición neste evento rematou.