O CPEIG ofrece un programa de bolsas para o Máster SIC e o Máster Interuniversitario HPC

Convoca un total de cinco bolsas dirixidas ao impulso da Sociedade da Información e á arquitectura de computadores
Símbolo do CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de convocar tres bolsas para o Máster On-line en Sociedade da Información e do Coñecemento da USC 2010-2011 e outras dúas para o Máster Interuniversitario en Computación de Altas Prestacións HPC (High Performance Computing). A entidade colexial continúa así a súa aposta pola formación e especialización dos profesionais da informática.

En relación ao Máster On-line en Sociedade da Información e do Coñecemento da USC 2010-2011, no que colabora o CPEIG, o obxectivo da iniciativa é a formación de profesionais especializados en impulsar a innovación mediante a súa especialización no desenvolvemento económico e social e novas tecnoloxías. Durante o período de formación, o colexio financiará a cada candidato seleccionado co 65% do custo total do máster, valorado en 1.000 euros.

Os candidatos a estas bolsas deben evidenciar unha formación e unha vocación dirixidas cara ao desenvolvemento da súa carreira profesional nos eidos da internacionalización empresarial e o comercio internacional. O alumnado terá a posibilidade de realizar parte do Máster en prestixiosas universidades europeas, como a Universidade do Porto e a Universidade do Minho, en Portugal, e a University College Cork, en Irlanda, así como no sistema universitario norteamericano a través da University of Kansas.

Computación de altas prestación

En relación ao Máster Interuniversitario en Computación de Altas Prestacións, este vai dirixido á formación de profesionais, tecnólogos e investigadores no campo da arquitectura de computadores e a computación de altas prestacións. O CPEIG asume neste caso o 33% do custo de matriculación, que ascende a 1.788 euros. O centros onde se impartirá serán a Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC, a Facultade de Informática da UDC e a aula de formación do CESGA.

As persoas interesadas en optar ás bolsas deberán remitir ao enderezo electrónico informacion@cpeig.org o expediente académico e o formulario de preinscrición nos másters. No envío, deberá figurar no asunto "Convocatoria Bolsa Máster On-line en Sociedade da Información e do Coñecemento USC" ou "Convocatoria Bolsa Máster Interuniversitario". O prazo de presentación das solicitudes para acceder ás bolsas remata o día 19 de outubro.