Aberta a matrícula no Máster en Tecnoloxías da Información da USC

O novo Máster universitario en Tecnoloxías da Información comezará a impartirse o próximo curso 2011-12 na Escola Técnica Superior de Enxeñaría
Logotipo da Universidade de Santiago

O novo Máster universitario en Tecnoloxías da Información (MTIN) da USC comezará a impartirse o próximo curso 2011-12 na Escola Técnica Superior de Enxeñaría a partir do 12 de setembro de 2011.

Trátase dun novo programa formativo co que a USC adapta a súa oferta de posgrao no eido da enxeñaría informática ao Espazo Europeo de Educación Superior. O seu deseño está orientado a completar as competencias dos novos titulados de grao en enxeñaría informática e doutras titulacións dos eidos das Tecnoloxías da Información e científico-técnicas.

Os obxectivos desta nova oferta de posgrao son proporcionar unha formación avanzada que combina aspectos específicos da enxeñaría informática coma a Dirección e Xestión de Proxectos ou as Tecnoloxías Informáticas, con outra formación especializada que permita aos titulados realizar un desempeño profesional coma axentes activos de innovación en empresas/organizacións ou labores de I+D+i en universidades, centros de investigación e tecnolóxicos.

O máster outorga competencias xerais e específicas do ámbito da enxeñaría informática:

  • Proxectar, calcular e deseñar produtos ou procesos
  • Modelar e dirixir proxectos de I+D+i
  • Resolver problemas e integrar solucións
  • Planificar, dirixir e xestionar proxectos
  • Definir, implantar, xestionar, operar e administrar redes, sistemas, servizos e contidos informáticos
O programa formativo está estruturado en tres módulos OBRIGATORIOS (60ECTS):
  • Dirección e Xestión de Proxectos
  • Tecnoloxías Informáticas
  • Proxecto Fin de Máster

que se complementan, por unha banda, con materias OPTATIVAS (30 ECTS), entre as que se ofertan dúas especializacións en ámbitos de elevada demanda e capacidade de innovación:

  • Especialidade en Sistemas Intelixentes (18 ECTS)
  • Especialidade en Tecnoloxías da Información Espacial (18 ECTS)

e pola outra, cun programa de prácticas que inclúe a participación de mais de 10 empresas/institucións das mais relevantes e representativas do ámbito TIN galego.

Este novo programa se distingue por ofertar un Itinerario profesional (31,5 ECTS) que supón a realización das Prácticas Externas e mais o Proxecto Fin de Máster en Empresas/Institucións, e pola impartición de varias materias en inglés, tanto no que atinxe á docencia presencial teórica coma de laboratorio.

Mais información: www.usc.es/etse/mtin

Matrícula vía Internet (dende o 15 de xullo): Secretaría virtual da USC