A escaseza de informáticos en Galicia deixa sen cubrir preto de 400 empregos cada ano

O principal problema é, segundo membros do recentemente creado CPEIG, a ausencia dunha regulación da profesión.

Jesús RodríguezSegundo un informe publicado por Tecnocom en colaboración coa Asociación de Enxeñeiros en Informática de Galicia (AEIG), e recollido nos medios La Opinión A Coruña e Faro de Vigo, a demanda superou en 2007 os/as 751 profesionais, pero das universidades galegas saen en cada promoción 430 titulados/as. O intrusismo e os baixos salarios fomentaron, ademais, unha masiva fuga de talentos.

O presidente da AEIG e membro do CPEIG, Jesús Rodríguez, denuncia unha certa falla de cultura tecnolóxica que distorsionou o mercado durante os últimos años.

Que non exista unha definición das funcións do profesional, unido a que "as empresas non asumiron que os proxectos informáticos teñen un custe", provocou que a maior parte dos postos de traballo ata agora fosen cubiertos por traballadores pouco cualificados e con baixos salarios. "De ahí que se fale tanto do erro informático", afirma Rodríguez Castro.

Esto orixinou "unha emigración masiva dos profesionais galegos ás grandes cidades", como Madrid, Barcelona ou Londres, onde os salarios son moito máis altos.

"Hai que ver ás TIC como algo estratéxico. As empresas, non só as informáticas, deben darse conta de que buscar mercados é moito máis sinxelo e do beneficio que xeran", explica Jesús Rodríguez, que engade que "desaproveitar o potencial de profesionais que xeran as tres universidades galegas non ten ningún sentido". Ante este novo panorama, a Administración acaba de aprobar o Plan Estratéxico Galego da Sociedade da Información, que ven a recoñecer a necesidade do sector e pretende xerar en Galicia medio millar de empregos ata o 2010.