O CPEIG asistirá á inauguración do Centro Demostrador TIC de Galicia

O colexio, ao igual que outras entidades do sector, asesorou á Xunta para a creación da nova iniciativa
Símbolo do CPEIG

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia convidou o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) a asistir á inauguración do Centro Demostrador de Galicia, que terá lugar o vindeiro luns, día 27 de xuño. O presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, representará aos colexiados no acto.

O Centro Demostrador nace por iniciativa da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e permitiralles ás empresas do ámbito tecnolóxico amosar produtos e servizos dirixidos a mellorar a produtividade e competitividade das firmas doutros sectores produtivos.

Será un verdadeiro punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda empresarial TIC para o que contará co Mapa de Solucións Tecnolóxicas de Galicia MapaTIC.gal, un directorio en liña completo e categorizado de provedores, produtos e servizos TIC existentes en Galicia.

O CPEIG, ao igual que outras entidades e asociacións do sector TIC, prestoulle asesoramento á Xunta de Galicia para a posta en marcha do centro.