Luis Huete apela ao inconformismo para transformar e mellorar as empresas

O gurú do management pechou o ciclo de conferencias organizado polo CPEIG sobre tecnoloxía, liderado e intelixencia emocional

Charla de Luis Huete

 "Fan falla reformistas e inconformistas para escachar o colo de botella no que se converteron as institucións e empresas", afirmou o pasado sábado o conferenciante Luis Huete na charla que pronunciou convidado polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), dentro do ciclo sobre tecnoloxía, liderado e intelixencia emocional. A conferencia tivo lugar no auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación, en Santiago de Compostela, baixo o título Transformando organizacións ao ritmo dos mercados.

Para o conferenciante cómpre "facer ben tres cousas" en canto á organización empresarial: un bo diagnóstico, é dicir, saber que está pasando; ter visión de futuro convincente e inspiradora, e ter capacidade de mobilizar xente. Segundo Huete, hai que deseñar morfoloxías novas de empresas que se adecúen ao terreo, dependendo do ámbito no que se mova, e adaptarse a este. Esas morfoloxías poden provocar néboa, porque o cambio crea confusión, e diante dese efecto "hai que ir a modo, ralentizar o ritmo das empresas, e mesmo pode ser que a empresa se perda".

Na súa intervención, Luis Huete destacou cinco áreas na que se precisa máis innovación e emprendemento como negocios de futuro: medicina e sanidade; bancarización a través do móbil; entretenemento; mobilidade física e xestión de cidades. Así mesmo, tamén indicou que un modelo de empresa é obsoleto ao cabo de cinco anos.

O valor dos símbolos

En opinión do conferenciante, o que máis inflúe na marcha dunha empresa, máis que estratexia, obxectivos, plan e visión, son os prexuízos, crenzas, sentimentos, medos e valores. Para poder cambiar esas influenzas a favor, destacou o valor dos símbolos e o papel que pode xogar a exemplaridade dos directivos na boa marcha da organización.

En canto aos directivos do futuro, sinalou as habilidades que deben reunir: mobilizar a enerxía da xente, adquirir compromisos, marcar dirección de futuro, facer que as cousas sucedan, inspirar a xente e facilitar o cambio. Huete pechou a súa charla apelando á seguinte cita: "Socialismo das oportunidades, aristrocracia do mérito".

Sobre Luis Huete

Luis Huete, licenciado en Dereito, é profesor de IESE Business School desde 1982. Foi profesor nos programas Achieving Breakthrough Service e Advance Management de Harvard Business School (Boston). Como profeso visitante participa regularmente en programas da ESMT (Berlín), ISEM Fashion Business School (Madrid) e outras escolas de negocio de prestixio. Asemade, é autor de nove libros de referenza do management en España. Está considerado coma o mellor gurú do management español.