Enrique Dans pronuncia mañá venres unha conferencia convidado polo CPEIG

Dentro do ciclo de charlas sobre tecnoloxía, liderado e intelixencia emocional que se desenvolve en Santiago de Compostela

ciclo de charlas sobre tecnoloxía, liderado e intelixencia emocional Enrique Dans achegarase mañá venres ás 18:00 horas ao auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago coa charla Novos escenarios tecnolóxicos: poñéndonos as pilas, convidado polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). A súa intervención insírese no ciclo de charlas sobre tecnoloxía, liderado e intelixencia emocional que programou o colexio e no que xa participou Emilio Duró. Está previsto que tamén interveña Luis Huete o vindeiro día 18.

A inscrición para asistir á charla de Dans pódese facer mañá á entrada do mesmo auditorio de Ciencias da Comunicación, mentres que aquelas persoas que desexen ir á conferencia de Huete deben inscribirse a través do portal do CPEIG: http://www.cpeig.org/portal.

Dans, profesor de Sistemas de Información en IE Business School desde o ano 1990, é doutor en Management, especialidade en Information Systems pola Universidad de California (UCLA), MBA polo IE Business School, licenciado en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Santiago de Compostela, e cursou estudos postdoutorais en Harvard Business School. As súas investigacións céntranse nos efectos das novas tecnoloxías en persoas e empresas.

O ciclo de charlas, programado en colaboración coa Xunta de Galicia, está dirixido a complementar os coñecementos técnicos dos/as executivos/as de empresas e de todas aquelas persoas que participan en organizacións coa finalidade de mellorar a súa calidade de vida mediante a potenciación das aptitudes fundamentais, a través da consideración do capital humano como recurso na procura de vantaxes competitivas.