Duró asegura que o coeficiente de optimismo é clave no rendemento profesional e persoal

O gurú da intelixencia emocional ofreceu unha charla en Santiago, convidado polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia

Charla sobre intelixencia emocional por Emilio DuróEmilio Duró, considerado un dos gurús da intelixencia emocional a nivel europeo, ofreceu esta tarde unha charla convidado polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela. Para o relator, o coeficiente de optimismo é a base do rendemento persoal e profesional e así llelo explicou ás 250 persoas presentes na sala.

Segundo Duró, nos últimos anos comprobouse que entre o 80 e o 90 por cento do éxito profesional depende da actitude que se adopta fronte á vida. A xeito de conclusión, incidiu en que cómpre fortalecer a motivación individual para lograr melloras significativas no rendemento profesional, a través da mellora persoal e na procura de persoas que xestionen os cambios, traballen mellor, sexan máis responsables, comuniquen mellor, sexan máis pro-activas e saiban transmitir todo iso á súa vida profesional e á persoal.

Asemade, destacou a importancia da busca da felicidade dos individuos a prol dunha redución do número de depresións e ansiedades, que supoñen "o maior custo laboral para unha empresa", afirmou Duró. De aí que as grandes firmas empresariais "invistan no cambio actitudinal individual e colectivo". Afondou nesta idea e indicou que as investigacións máis recentes apuntan a que a calidade no desempeño profesional depende, esencialmente, da calidade persoal que achega a persoa.

Licenciado en Ciencias Económicas e Master en Administración de Empresas pola Escola Superior de Administración e Dirección de Empresas (ESADE), Duró dedica parte do seu tempo ao estudo da aprendizaxe en idades temperás e, mediante experiencias e anécdotas, adoita desmostrar que os fracasos profesionais raramente se deben a causas técnicas e si, en cambio, ao desenvolvemento emocional.

TRÍO DE EXPERTOS

O CPEIG convidou a tres expertos -Emilio Duró, Enrique Dans e Luis Huete- a que compartan os seus coñecementos no ciclo de charlas que organiza sobre tecnoloxía, liderado e intelixencia emocional. A inscrición para asistir a todas ou cantas sesións se desexe pode realizarse a través deste enlace do portal do CPEIG.

O vindeiro conferenciante será Enrique Dans, quen intervirá o día 10 de xuño no auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago coa charla Novos escenarios tecnolóxicos: poñéndonos as pilas. Este profesor de Sistemas de Información en IE Business School desde o ano 1990 é doutor en Management, especialidade en Information Systems pola Universidad de California (UCLA), MBA polo IE Business School, licenciado en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Santiago de Compostela, e cursou estudos postdoutorais en Harvard Business School. As súas investigacións céntranse nos efectos das novas tecnoloxías en persoas e empresas.
Finalmente, Luis Huete pronunciará a súa charla o día 18 de xuño, baixo o epígrafe Transformando organización ao ritmo dos mercados. Huete, licenciado en Dereito, é profesor de IESE Business School desde 1982. Foi profesor nos programas Achieving Breakthrough Service e Advance Management de Harvard Business School (Boston). Como profesor visitante participa regularmente en programas da ESMT (Berlín), ISEM Fashion Business School (Madrid) e outras escolas de negocio de prestixio. Asemade, é autor de nove libros de referenza do management en España. Está considerado coma o mellor gurú do management español.

Este ciclo de charlas, programado en colaboración coa Xunta de Galicia, está dirixido a complementar os coñecementos técnicos dos/as executivos/as de empresas e de todas aquelas persoas que participan en organizacións coa finalidade de mellorar a súa calidade de vida mediante a potenciación das aptitudes fundamentais, a través da consideración do capital humano como recurso na procura de vantaxes competitivas.