Emilio Duró inaugura mañá o ciclo de charlas sobre tecnoloxía, liderado e intelixencia emocional do CPEIG

Enrique Dans pronunciará a súa conferencia o día 10 de xuño e Luis Huete, o 18 do mesmo mes.

Símbolo do CPEIGEmilio Duró pronunciará a primeira das charlas organizadas polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). Será mañá venres, ás seis da tarde no auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación, en Santiago de Compostela. O profesor, cuxas aparicións televivas teñen gran repercusión ultimamente na Rede, abordará na súa intervención A xestión da ilusión e o coeficiente de optimismo en épocas de cambio.

Licenciado en Ciencias Económicas e Master en Administración de Empresas pola Escola Superior de Administración e Dirección de Empresas (ESADE), Duró dedica parte do seu tempo ao estudo da aprendizaxe en idades temperás e, mediante experiencias e anécdotas, adoita desmostrar que os fracasos profesionais raramente se deben a causas técnicas e si, en cambio, ao desenvolvemento emocional.

TRÍO DE EXPERTOS

O CPEIG convidou a tres expertos -Emilio Duró, Enrique Dans e Luis Huete- a que compartan os seus coñecementos no ciclo de charlas que organizou sobre tecnoloxía, liderado e intelixencia emocional. A inscrición para asistir a todas ou cantas sesións se desexe pode realizarse a través do portal do CPEIG: http://www.cpeig.org/portal.

Enrique Dans intervirá o día 10 de xuño no auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago coa charla Novos escenarios tecnolóxicos: poñéndonos as pilas. Este profesor de Sistemas de

Información en IE Business School desde o ano 1990 é doutor en Management, especialidade en Information Systems pola Universidad de California (UCLA), MBA polo IE Business School, licenciado en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Santiago de Compostela, e cursou estudos postdoutorais en Harvard Business School. As súas investigacións céntranse nos efectos das novas tecnoloxías en persoas e empresas.
Finalmente, Luis Huete pronunciará a súa charla o día 18 de xuño, baixo o epígrafe Transformando organización ao ritmo dos mercados. Huete, licenciado en Dereito, é profesor de IESE Business School desde 1982. Foi profesor nos programas Achieving Breakthrough Service e Advance Management de Harvard Business School (Boston). Como profesor visitante participa regularmente en programas da ESMT (Berlín), ISEM Fashion Business School (Madrid) e outras escolas de negocio de prestixio. Asemade, é autor de nove libros de referenza do management en España. Está considerado coma o mellor gurú do management español.

Este ciclo de charlas, programado en colaboración coa Xunta de Galicia, está dirixido a complementar os coñecementos técnicos dos/as executivos/as de empresas e de todas aquelas persoas que participan en organizacións coa finalidade de mellorar a súa calidade de vida mediante a potenciación das aptitudes fundamentais, a través da consideración do capital humano como recurso na procura de vantaxes competitivas.