O CPEIG organiza un ciclo de charlas sobre Tecnoloxía, Liderado e Intelixencia Emocional

Emilio Duró intervirá o día 27 de maio; Enrique Dans, o día 10 de xuño e Luis Huete, o 18 do mesmo mes.
Ciclo de charlasUn ciclo de charlas sobre tecnoloxía, liderado e intelixencia emocional constitúe o vindeiro reto formativo do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). O colexio convida a tres expertos -Emilio Duró, Enrique Dans e Luis Huete- a que compartan os seus coñecementos e experiencia en Santiago de Compostela. A inscrición para asistir a todas ou cantas sesións se desexe pode realizarse a través do portal do CPEIG: http://www.cpeig.org/portal.

A primeira das sesións, que terá lugar o vindeiro día 27 de maio no auditorio de Facultade de Ciencias da Información en Santiago, terá a Emilio Duró como protagonista e como obxecto de análise, o desenvolvemento emocional. Duró dedica parte do seu tempo ao estudo da aprendizaxe en idades temperás e mediante experiencias e anécdotas adoita desmostrar que os fracasos profesionais raramente se deben a causas técnicas e si, en cambio, ao desenvolvemento emocional.

Pola súa parte, Enrique Dans intervirá o día 10 de xuño, no mesmo auditorio. Este profesor de Sistemas de Información en IE Business School desde o ano 1990 é doutor en Management, especialidade en Information Systems pola Universidad de California (UCLA), MBA polo IE Business School, licenciado en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Santiago de Compostela, e cursou estudos postdoutorais en Harvard Business School. As súas investigacións céntranse nos efectos das novas tecnoloxías en persoas e empresas.

Finalmente, Luis Huete pronunciará a súa charla o día 18 de xuño, en sede a determinar en Santiago de Compostela. Huete, licenciado en Dereito, é profesor de IESE Business School desde 1982. Foi profesor nos programas Achieving Breakthrough Service e Advance Management de Harvard Business School (Boston). Como profesor visitante participa regularmente en programas da ESMT (Berlín), ISEM Fashion Business School (Madrid) e outras escolas de negocio de prestixio. Asemade, é autor de nove libros de referenza do managemente en España. Está considerado coma o mellor gurú do management español.

Este ciclo de charlas está dirixido a complementar os coñecementos técnicos dos/as executivos/as de empresas e de todas aquelas persoas que participan en organizacións coa finalidade de mellorar a súa calidade de vida mediante a potenciación das aptitudes fundamentais, a través da consideración do capital humano como recurso na procura de vantaxes competitivas.

Información xeral de inscrición

Os/as interesados/as neste ciclo de charlas poderán consultar con maior detalle a data, lugar e horario, así coma o importe e os requisitos, no seguinte enlace.