O Presidente do CPEIG entrevístase co candidato do BNG á alcaldía de Santiago

A petición da formación nacionalista, mantiveron un encontro no que o CPEIG deu a coñecer a súa opinión sobre a Sociedade da Información.

Momento da entrevista entre o presidente do CPEIG e o candidato do BNG á alcaldía de SantiagoO cabeza de lista do BNG á Alcaldía de Santiago, Rubén Cela, acompañado do número 4 da lista, Modesto Toribio Rodríguez, mantiveron o pasado mércores, día 30 de marzo, un encontro co presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez Lorenzo, no que contrastaron a situación da administración electrónica, das empresas de novas tecnoloxías e da implantación e acceso a internet na cidade. A xuntanza produciuse a petición do partido político.

"Dende o BNG compartimos co CPEIG a preocupación polo necesario labor da alfabetización dixital, de prevención de condutas de risco e de apostar pola seguridade de menores que usan as novas tecnoloxías", destacou o candidato logo de coñecer os programas que esta entidade desenvolve en centros escolares e nos centros socioculturais, tales como o Navega con Rumbo polo Ciberespazo, en colaboración coa Xunta de Galicia.

O CPEIG maniféstase aberto a manter encontros coas distintas formacións políticas que requiran un punto de vista técnico e experto sobre calquera aspecto do desenvolvemento da Sociedade da Información en Galicia.