O colexio pon en marcha actividades para o fomento da sociedade da información cunha achega de 100.000 euros da Xunta de Galicia

O proxecto enmárcase dentro dun convenio de colaboración asinado coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.

Logotipo da Xunta de GaliciaLogotipo do CPEIGO Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia veñen de asinar un convenio de colaboración para a posta en marcha dunha serie actividades para o fomento da sociedade da información. A achega económica do Goberno galego ascende a 106.000 euros. Este acordo enmárcase dentro das accións definidas na Axenda Dixital de Galicia 2014.gal.

Entre outras actividades de formación, capacitación e promoción no ámbito das tecnoloxías da información previstas no acordo, destacan:

  • Xornadas "As relacións da Empresa coa Administración electrónica".
  • Publicación con comentarios técnico-xurídicos ao "Decreto de Administración Electrónica", glosario e terminoloxía.
  • Realización dun estudo a determinar entre interoperabilidade de sistemas na Administración Pública (posibilidades e realidade) e open data ou reutilización de información do sector público (risp).
  • Formación a outros colexios e/ou colectivos na difusión dos fundamentos da administración electrónica.
  • III Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia.
  • Xornadas formativas sobre calidade no software (CMMI, ISO20000,...).
  • Xornadas formativas sobre tecnoloxía, liderado e intelixencia emocional.
  • Xornadas formativas en dirección e xestión de proxectos informáticos.

As accións anteriores contribuirán a desenvolver plans de formación para o crecemento da Sociedade da Información e a capacitación profesional nas tecnoloxías da información entre os profesionais e a sociedade en xeral. Ademais, incorporan a accesibilidade como condición indispensable das actuacións; repercutirán no incremento dos contidos divulgativos en galego en Internet; difundirán e divulgarán as vantaxes da incorporación das TIC en todos os sectores, así como do sector profesional das TIC, e contribuirán á igualdade de xénero no sector das TIC.

Ademais deste convenio, o CPEIG asinará en vindeiras datas un acordo para a segunda edición do programa Navega con Rumbo polo Ciberespazo, dentro da Escola Abalar.