Carta a Rafael Valcarce Baiget, Presidente de AMETIC-Galicia

Símbolo do CPEIGPrezado presidente:

Diríxome a vostede en calidade de presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) para manifestarlle, con todo respecto pero tamén con toda a miña determinación, o desacordo do colectivo que presido en relación ao artigo publicado en La Voz de Galicia da xornada de hoxe. En concreto refírome ao parágrafo no que cita textualmente "tiene el respaldo de un sector: el de las TIC, el de las telecomunicaciones".

Non é a primeira vez que fai referencia ao sector TIC como o das telecomunicacións, obviando toda alusión á informática, peza fundamental para o desenvolvemento da Sociedade da Información. Esta situación xa lle foi comentada no transcurso da mesa redonda celebrada en CorreoTV o pasado 22 de novembro, á que acudiu como presidente do Cluster TIC de Galicia, e trala cal se comprometeu a evitar comentarios semellantes.

Dende os cargos que ostenta, tanto como presidente de AMETIC-Galicia como do citado Cluster, entidades representativas do sector TIC, parécenos unha falta de respecto e de consideración a non mención da informática na súa referencia ao sector TIC. Penso que non é preciso que lle lembre que as redes de comunicación modernas non terían
sentido sen a infraestructura software, a xeración de contidos, a seguridade e a protección dos datos, áreas de coñecemento nas que na nosa comunidade hai numerosas empresas adicadas ás mesmas, por exemplo
desenvolvemento de aplicacións e servizos e que, obviamente, teñen cabida no eido das TIC.

Agardando teña en consideración as miñas observacións e non se repita a situación orixe desta carta, saúdao atentamente,

Fernando Suárez Lorenzo, Presidente do CPEIG