O colexio colabora nas VIII Xornadas SINDUR que se desenvolverán en Santiago de Compostela

O encontro, previsto para o vindeiro día 15 de decembro, leva por título Da cidade dixital á cidade aumentada.

SINDUR VIIIO Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) colabora nas VIII Xornadas SINDUR: Da Cidade Dixital á Cidade Aumentada, Impulsando a Intelixencia Social en Santiago de Compostela a partir das TIC, que se desenvolverán o vindeiro día 15 na capital galega, no Idega.

Con estas xornadas, o grupo de investigación GIST da Universidade de Santiago de Compostela (http://www.gist.es/), en colaboración coa AISTI (http://www.aisti.eu) pretende analizar como podemos superar a cidade dixital clásica que promove a formación da xente no uso de Internet, a creación de webs locais ou os telecentros cun novo concepto de cidade aumentada que, segundo a organización do encontro, "impulse a difusión de produtos territoriais, empresas locais e sociedade civil a través das redes sociais e a Internet, promovendo o desenvolvemento económico e a innovación".

A xornada abordará a sociedade da información nos Estados Unidos e nela daranse a coñecer proxectos TIC de éxito levados a cabo en cidades e pobos, entre outros asuntos. Dentro dos relatores, figura o presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, coa conferencia Innovación e Investigación dende o mundo profesional. O caso do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia.

A inscrición na xornada é gratuíta no seguinte enderezo electrónico: aistic@gmail.com.