O colexio convoca tres bolsas para o Máster On Line en Sociedade da Información e do Coñecemento da USC

As persoas interesadas deberán remitir a documentación requirida antes do 31 de outubro.

Símbolo do CPEIGO Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de convocar tres bolsas para o Máster On-line en Sociedade da Información e do Coñecemento da USC 2010-2011. O obxectivo da iniciativa é a formación de profesionais especializados en impulsar a innovación mediante a súa especialización no desenvolvemento económico e social e novas tecnoloxías. Durante o período de formación, o CPEIG financiará a cada candidato seleccionado co 65% do custo total do Máster, valorado en 1.000 euros.

Os candidatos a estas bolsas deben evidenciar unha formación e unha vocación dirixidas cara ao desenvolvemento da súa carreira profesional nos eidos da internacionalización empresarial e o comercio internacional. O alumnado terá a posibilidade de realizar parte do Máster en prestixiosas universidades europeas, como a Universidade do Porto e a Universidade do Minho, en Portugal, e a University College Cork, en Irlanda, así como no sistema universitario norteamericano a través da University of Kansas. 

As persoas interesadas en optar á bolsa deberán remitir ao enderezo electrónico Enderezo electrónicoo expediente académico e o formulario de preinscrición no Máster (dispoñible en gist.es). No envío, deberá figurar no asunto "Convocatoria Bolsa Máster Máster On-line en Sociedade da Información e do Coñecemento USC". O prazo de presentación das solicitudes remata o 31 de outubro

Ao final deste documento xúntanse as bases da convocatoria.

Formación cualificada

O Máster ten un carácter eminentemente práctico que lle permite ao alumnado obter formación cualificada para o deseño e xestión avanzada de páxinas web, produción de recursos multimedia de vídeo, son e fotografía dixital. Facilita, ademais, o contacto co mundo laboral, coa opción de poder realizar estadías de prácticas en diversas empresas, institucións ou grupos de investigación, como Fundación CEER Galicia-Norte de Portugal, Uninova, Idega, Feiraco, Granxafamiliar, Galicia Auténtica, Agalip, Cief-Caixa Galicia, Asociación Ibérica de Sistemas e Tecnoloxías da Información, CITA-Fundación Germán Sánchez Ruipérez ou Cáritas, entre outros, así como en diversos concellos galegos.

Cómpre sinalar tamén que o profesorado seleccionado polos cursos ten unha ampla experiencia no mundo da empresa e na investigación. A meirande parte deles intégrase en tres grupos de investigación da USC: Sociedade, Tecnoloxía e Territorio; Novos Medios e Sistemas Intelixentes e Análise de Modelización Económica.

Nesta terceira edición, o Máster conta coa colaboración da Fundación Fulbright e a Comisión de Intercambio Cultural e Educativo e Científico España-Estados Unidos, así como coa participación de profesorado especializado de universidades estadounidenses en temas de telecomunicacións e desenvolvemento territorial.

AdxuntoTamaño
bases_bolsa_master_usc_2010.pdf329.21 KB