O colexio colabora coa Universidade de Vigo para implantar o novo Máster de Enxeñaría en Informática en Ourense

O colexio forma parte da comisión universitaria encargada de poñer en marcha o novo mestrado na ESEI.

Logotipo da Universidade de Vigo.O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) respondeu afirmativamente á solicitude da Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) de Ourense para formar parte da comisión de expertos encargada de poñer en marcha o novo Máster de Enxeñaría en Informática da Universidade de Vigo, dentro da adaptación do espazo universitario ao Plan Boloña. Trátase da segunda universidade, despois da compostelá, que reclama o asesoramento do CPEIG para a creación deste tipo de mestrado.

En concreto, é o presidente do colexio, Fernando Suárez Lorenzo, quen forma parte, por acordo formal da xunta da Escola Superior de Enxeñaría Informática, da comisión encargada de implantar o devandito máster. Estímase que a implantación será efectiva no curso 2011/2012 e ata esa data hai programada unha longa serie de xuntanzas da comisión.

Hai que lembrar que o CPEIG interveu xa no proceso de implantación dos graos en Enxeñaría en Informática nas tres universidades galegas mediante o seu asesoramento.

BOAS PERSPECTIVAS LABORAIS

Os novos mestrados das universidades galegas suporán unha oportunidade máis para os enxeñeiros/as informáticos/as no seu acceso ao mundo laboral, aínda que os datos neste sentido son positivos en comparación con outras carreiras e revelan boas perspectivas para atopar traballo en Galicia.

Así, o 81% dos/as enxeñeiros/as informáticos/as galegos/as atopan o seu primeiro emprego nos tres meses posteriores ao remate da carreira e o 94,8% das persoas tituladas en Enxeñaría Informática están traballando na actualidade, segundo o estudo A Situación Laboral nas Enxeñarías en Informática de Galicia, presentado no pasado mes de abril pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia e no que colaborou activamente o CPEIG.