Información xeral sobre o curso "Peritaxe xudicial informático. Un enfoque práctico"

Peritaxe xudicial informático. Un enfoque prácticoDentro do Programa de Formaciónn do CPEIG para o ano 2010 incluímos a realización dun curso práctico sobre pertitaxes informáticas. Este curso está especialmente dirixido aos/ás membros do Corpo Oficial de Peritos (COP) do CPEIG, co obxectivo de mellorar a formación dos/as nosos/as peritos.

Grazas ao enfoque práctico (incluída a simulación dun xuízo), este curso é especialmente interesante para todos/as aqueles/as peritos noveles que aínda non realizaron a súa primeira peritaxe e para aqueles/as que aínda que non pertencen neste momento ao COP, teñen intención de formar parte del no futuro.

Para aqueles/as outros/as peritos que gozan de máis experiencia, trátase dun curso para mellorar a súa formación da man dun poñente de ampla traxectoria.

Este curso non dará acceso ao Corpo Oficial de Peritos do colexio.

Programa

  1. Tramitación inicial do caso

    • Temas obxectivo: Peritaxe, responsabilidade, tacha, etc.

    • Estudio de encargos de peritaxe e situacións problemáticas.

  2. Adquisición de probas e elaboración da argumentación

    • Temas obxectivo: A relación coas partes, precaucións na obtención de probas, cadena de custodia, etc.

    • Consideración de circunstancias anómalas e posibles reaccións.

  3. Redacción do informe

    • Temas obxectivo: Expresión, argumentación, lógica, límites da peritaxe, etc.

    • Estudo de diferentes informes periciais e consideración de alternativas en cada caso.

  4. Ratificación

    • Temas obxectivo: As técnicas dos avogados, a actitude do perito, etc.

    • Simulación dun xuízo

Docentes

Para este curso teremos o pracer de contar coa presencia, unha vez máis, de Eduard Elías, Enxeñeiro en Informática, Perito Informático e membro da Junta do Colegio Oficial de Ingenieros en Informática de Cataluña.

A súa dilatada expeciencia como perito, os seus coñecementos e a súa gran habilidade como comunicador didáctico fan del o poñente perfecto para este curso.

Ao longo da duración do curso darase un interesante repaso práctico a todo o proceso que involve ás peritaxes informáticas, dende o estudo e aceptación dunha oferta ata a ratificación e exposición nun xuizo.

Datas, horarios e lugar de celebración

O curso práctico terá lugar no CENTRO ON Caixa Galicia de Santiago de Compostela (Rúa Nova 33) nas datas e horarios seguintes (cun total de 12 horas):

  • Venres 25 de xuño de 17h a 20h

  • Sábado 26 de xuño de 10h a 14h e de 16h a 20h

Ó final do seminario entregarase un diploma oficial do colexio acreditativo da asistencia ao seminario (12h).

Inscrición

Requisitos

Para poder asistir a esta actividade formativa é preciso estar en posesión da titulación de Licenciatura/Enxeñaría en Informática e estar colexiado/a ou aceptar o compromiso de colexiación.

Número de prazas

A actividade formativa está prevista para 40 asistentes. As prazas asignaranse atendendo aos seguintes criterios de preferenza:

  1. Membros do Corpo Oficial de Peritos

  2. Colexiados/as que estén en posesión do título do curso básico de peritaxes.

  3. Colexiados/as que NON estén en posesión do título do curso básico de peritaxes.

  4. Persoas con compromiso de colexiación (*).

(*) Durante o proceso de cumprimentación do formulario de inscrición, aquelas persoas non colexiadas, e que estén en disposición de facelo, poderán comprometerse á colexiación. Este compromiso formalizarase o primeiro día do curso presentando a documentación esixida. No caso de optar por este mecanismo, e se así o desexa o/a solicitante, non será preciso presentar as copias compulsadas descritas no proceso de colexiación. Será suficiente presentar as fotocopias e os orixinais para cotexar o mesmo día do inicio do curso.

Cota de inscrición

O importe da cota de inscrición é de 50 €.

A cota será cargada automáticamente polo colexio na conta corrente do/a colexiado/a.

A comida do día 26 non está incluída na inscrición. A sede do curso está no centro da cidade vella de Santiago, polo que na zona é posible atopar numerosos resturantes. 

Procedemento de inscrición

O prazo de inscrición neste curso rematou.

A inscrición proporciona o dereito de asistencia ao curso, pero non obrigará ao colexio a devolver o importe ingresado no caso da non asistencia da persoa admitida no curso.

Así mesmo, no caso de que o número de asistentes sexa insuficiente, o CPEIG poderá suspender a actividade formativa. En tal caso o CPEIG reingresará o importe da cota a aquelas persoas inscritas.

Requisitos complementarios

  1. Na primeira sesión do curso será precisa a identificación dos/das alumnos/as inscritos/as por medio do seu DNI.

  2. Aquelas persoas non colexiadas que asumisen o compromiso de colexiación deberán presentar na primeira sesión do curso a documentación esixida para a colexiación.

  3. Será preciso ter asistido ao 75% das horas lectivas do curso. Ao remate do mesmo farase entrega dun diploma acreditativo a cada alumno/a.

Aloxamento

Para aqueles/as asistentes que o desexen, existirá a posibilidade de pernota na cidade de Santiago de Compostela nas noites da fin semana do curso a través do convenio asinado co Hotel Puerta del Camino. Os detalles deste convenio poden atoparse na sección de servizos do portal do CPEIG.