II Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia

Logotipo da II Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia

Presentación

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) constituiuse en decembro de 2007 como corporación de dereito público e de carácter profesional con personalidade xurídica propia que se rexe pola normativa vixente na materia e polos seus estatutos.

Cunha estrutura interna democrática e independente das administracións públicas, o colexio agrupa obrigatoriamente a todas as persoas que, tendo o título oficial de Enxeñaría en Informática ou Licenciatura en Informática, desenvolvan actividades propias da profesión en Galicia.

Na actualidade o CPEIG suma preto de 300 colexiados e colexiadas.

O galardón como recoñecemento

Por segundo ano consecutivo, o colexio outorgará os seus premios dentro da II Noite da Enxeñaría en Informática de
Galicia. A través de distintas categorías, os colexiados e colexiadas recoñecerán aquelas iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da Enxeñaría en Informática.

  • Premio Proxecto Fin de Carreira: Aberto á presentación de candidaturas, tenta ser un estímulo para os estudantes. Será o único con dotación económica.

  • Premio ao Proxecto Innovador: A factura electrónica da Consellería de Facenda.

  • Premio á Traxectoria Profesional: Pablo Santos Luaces, conselleiro delegado e fundador de Códice Software.

  • Premio Iniciativa Empresarial: Clúster Tic de Galicia

  • Premio Iniciativa da Administración:2014.gal Axenda Dixital de Galicia

Agás no caso da persoa premiada co galardón ao Proxecto Fin de Carreira, os demais recibirán unha estatuíña sen dotación económica. 

Desenvolvemento do acto

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia fará entrega destes galardóns o vindeiro día 15 de outubro no marco dunha cea de gala que vai ter lugar no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela, á que están convidados diversas personalidades da Administración Pública e do ámbito universitario, entre outras.

O acto comezará ás 20.30 coa recepción de convidados/as e cóctel de benvida (Sala de Arte)

Patrocinios e colaboracións

Está previsto que preto de douscentos colexiados e colexiadas asistan ao acto.

Para a organización do evento, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia agradece a colaboración das diversas empresas e institucións galegas que operan no eido das novas tecnoloxías.

Co convencemento de que o apoio ao colexio e ás súas actividades representa un pulo á profesión, o CPEIG ofrece a posibilidade de participar na celebración da gala como entidades patrocinadoras ou colaboradoras mediante a formalización dun acordo. 

A colaboración económica terá como contraprestación para a entidade a situación dun representante seu nun lugar destacado durante a cea e a presenza do logotipo en todo o material divulgativo que se realice con motivo do evento, ademais da mención do nome da entidade como patrocinadora nos comunicados de prensa que se lles remitan aos medios de comunicación. As situacións do comensal e da imaxe da entidade patrocinadora serán acordes coa categoría do patrocinio.

Establécense as seguintes categorías de patrocinio:

  • Ouro (3.000 euros). A entidade patrocinadora terá dereito a seis convites individuais para asistir á gala e á entrega dun dos galardóns.

  • Prata (2.000 euros). A entidade patrocinadora terá dereito a catro convites individuais para asistir á gala.

  • Bronce (1.000 euros). A entidade patrocinadora terá dereito a dous convites individuais para asistir á gala. 

Asistencia ao acto

O prazo de inscrición ao evento rematou.

O CPEIG resérvase o dereito de admisión no evento.