IV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia

Logotipo da IV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia

Presentación

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) constituiuse en decembro de 2007 como corporación de dereito público e de carácter profesional con personalidade xurídica propia que se rexe pola normativa vixente na materia e polos seus estatutos.

Cunha estrutura interna democrática e independente das administracións públicas, o colexio agrupa obrigatoriamente a todas as persoas que, tendo o título oficial de Enxeñaría en Informática ou Licenciatura en Informática, desenvolvan actividades propias da profesión en Galicia.

Na actualidade o CPEIG suma preto de 350 colexiadas e colexiados.

O galardón como recoñecemento

Por cuarto ano consecutivo, o colexio outorgará os seus premios dentro da IV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia. A través de distintas categorías, as colexiadas e colexiados recoñecerán aquelas iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da Enxeñaría en Informática:

  • Premio Proxecto Fin de Carreira. Adrián López Villaverde polo seu traballo sobre solucións escalables no Cloud.

  • Premio á Traxectoria Profesional a título póstumo Victor Gulías, profesor, investigador e emprendedor.

  • Premio Ada Byron a enxeñeira informática Luz Castro, como representante das mulleres líderes na adopción da tecnoloxía, e pola súa capacidade para mesturar coñecementos técnicos e visión social.
  • Premio Iniciativa Empresarial Imatia Innovation, empresa tecnolóxica incluída na listaxe de referencia a nivel mundial Top 100 en Europa.

  • Premio Iniciativa da Administración. Proxecto Coruña Smart City, en recoñecemento á aposta que o concello herculino está a realizar pola I+D+i e as novas tecnoloxías.

  • Premio Iniciativa Emprendedora. LaconNetwork, evento de networking que reúne a emprendedores do sector TIC de Galicia baixo un paraugas informal pero moi estable. 

Agás no caso da persoa premiada co galardón ao Proxecto Fin de Carreira, os demais recibirán unha estatuíña sen dotación económica. 

Desenvolvemento do acto

A Cuarta Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia terá lugar o vindeiro día 23 de novembro, ás 20.15h, no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela.

Ao evento están convidados diversas personalidades da Administración Pública e do ámbito universitario, entre outras.

Actuará como monologuista e presentador do acto Miguel Lago.

Patrocinios e colaboracións

Está previsto que preto de douscentos cincuenta colexiadas e colexiados asistan ao acto.

Para a organización do evento, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia agradece a colaboración das diversas empresas e institucións galegas que operan no eido das novas tecnoloxías.

Co convencemento de que o apoio ao colexio e ás súas actividades representa un pulo á profesión, o CPEIG ofrece a posibilidade de participar na celebración da gala como entidades patrocinadoras ou colaboradoras mediante a formalización dun acordo. 

A colaboración económica terá como contraprestación para a entidade a situación dun representante seu nun lugar destacado durante a cea e a presenza do logotipo en todo o material divulgativo que se realice con motivo do evento, ademais da mención do nome da entidade como patrocinadora nos comunicados de prensa que se lles remitan aos medios de comunicación. As situacións do comensal e da imaxe da entidade patrocinadora serán acordes coa categoría do patrocinio.

Establécense as seguintes categorías de patrocinio:

  • Ouro (3.000 euros). A entidade patrocinadora terá dereito a seis convites individuais para asistir á gala e á entrega dun dos galardóns.

  • Prata (1.500 euros). A entidade patrocinadora terá dereito a catro convites individuais para asistir á gala.

Asistencia ao acto

O prazo de inscrición neste acto rematou.

O coste da asistencia o evento é o seguinte:

  • Membros colexiadas/os, precolexiadas/os do CPEIG: 20€
  • NON colexiadas/os, precolexiadas/os que acepten compromiso de colexiación ou precolexiación: 20
  • NON colexiadas/os: 200€

Os membros colexiadas/os, precolexiadas/os, e aqueles con compromiso de colexiación ou precolexiación poderán levar un acompañante. O coste da asistencia do acompañante é de 20€

O procedemento de pago da cota é o seguinte:

  • Membros colexiados/as e precolexiados/as. A cota será cargada polo colexio na conta corrente do/a colexiado/a.

  • Persoas con compromiso de colexiación/precolexiación ou non colexiadas/precolexiadas. A cota de inscrición do curso deberá ingresarse até o 22 de novembro na conta corrente de "la Caixa" 2100-2954-75-0200085712. No concepto do ingreso deberá figurar o DNI e o nome da/do asistente ao evento.

Dado que o aforo do evento é limitado, aplicaranse os seguintes criterios de preferencia:

  • Membros colexiados/as do CPEIG.
  • Persoas NON colexiadas.
  • Data e hora da inscrición.

Aloxamento

Aquelas persoas que desexen aloxarse o día do evento no Hostal dos Reis Católicos poden reservar unha habitación individual por 100 € e unha habitación dobre por 135 €, ambas con almorzo e IVE incluido.

Asemesmo, o CPEIG tamen ten convenios cos hoteis Puerta del Camino e NH (este último queda moi preto do Hostal dos Reis Católicos).