Pasar al contenido principal

Miguel Ángel Ríos Fernández, actual presidente da Real Academia Galega de Ciencias, colexiado de honra do CPEIG

Miguel Ángel Ríos Fernández

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2015.- O presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Miguel Ángel Ríos Fernández, converterase no vindeiro colexiado de honra do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). O recoñecemento farase oficial durante o transcurso da "Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia", prevista para o vindeiro día 26 de xuño en Santiago de Compostela.

Entre os moitos méritos para obter o recoñecemento das enxeñeiras e enxeñeiros informáticos galegos, os membros do xurado destacan que Ríos Fernández foi "pioneiro no uso da Informática na investigación en Galicia e impulsor da súa implantación na actividade científica galega".

Miguel Ángel Ríos Fernández é licenciado e doutor en Ciencias Químicas pola universidade compostelá, especializouse en Química Cuántica na Universidade de Kent (Gran Bretaña) e iniciou a investigación sobre esta especialidade en Galicia. 

Precisamente pola súa especialidade en investigación incorporou a finais da década dos 60 a Informática como ferramenta imprescindible para o desenvolvemento do seu traballo. A programación en Fortran e a procura de capacidade de computación pasou a ocupar o seu tempo e preocupación. 

Impulsor da sociedade do coñecemento

O novo colexiado de honra do CPEIG foi o primeiro director do primeiro Centro de Cálculo da Universidade Galega (USC) e responsable do primeiro computador de cálculo vectorial instalado en Galicia. Exerceu tamén como secretario xeral de I+D da Xunta de Galicia e foi impulsor da sociedade do coñecemento. Presidiu o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) e desde o ano 2010 é o presidente da Real Academia Galega de Ciencias.

Sobre o CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) é un dos colexios profesionais máis activos na defensa dos intereses dos seus colexiados. Constituído en decembro de 2007 e con sede en Santiago de Compostela, na actualidade conta con máis de 350 persoas colexiadas.