Pasar al contenido principal

O CPEIG recoñece á Enxeñeira Informática e investigadora Susana Ladra co premio Ada Byron

Susana Ladra

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2013.-  A xunta de goberno do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) acordou outorgarlle por unanimidade o Premio Ada Byron, na súa segunda edición, á enxeñeira informática Susana Ladra (Santiago de Compostela, 1984), residente na cidade da Coruña. O galardón inscríbese nos premios anuais que outorga o ente colexial durante a V Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que este ano chegará á súa quinta edición e terá lugar no mes de outubro.

Susana Ladra González é enxeñeira e doutora en Informática pola Universidade da Coruña. Actualmente é profesora contratada doutora na Facultade de Informática da Universidade coruñesa, onde tamén ostenta o cargo de vicedecana de Organización Académica. Durante a súa etapa de estudante, foi galardoada co Primeiro Premio Nacional de Fin de Carreira de Enxeñaría Informática do Ministerio de Educación, co Premio Extraordinario de Doutoramento da Universidade da Coruña e co Premio á mellor tese doutoral no campo da Recuperación da Información, outorgado pola Sociedade Española de Recuperación da Información. 

Durante os últimos anos, Susana Ladra vén desenvolvendo unha intensa actividade investigadora en distintas áreas, como recuperación de información, compresión, análise de algoritmos e estruturas de datos. É autora de numerosas publicacións en revistas e congresos internacionais de relevancia. Participou en proxectos de investigación competitivos e realizou estancias no CSIC, na Universidade de Chile, na Universidade de Heilsinki e na Universidade de Waterloo (Canadá).

O CPEIG valora a intensa traxectoria investigadora e docente da galardoada, quen con tan só 29 anos é, como xa se comentou,  vicedecana na Facultade de Informática coruñesa.

Tecnoloxía  igualitaria

O CPEIG visualiza a través do premio Ada Byron o apoio á participación feminina en todos os niveis da tecnoloxía: como usuarias, como emprendedoras, investigadoras,  como xeradoras de innovación e como líderes. Para o colexio, as mulleres deben ocupar un lugar central na Sociedade da Información e do Coñecemento, posto que "só así se poderá garantir unha tecnoloxía e unha sociedade verdadeiramente igualitarias".

Ada Byron foi unha matemática británica (1815-1852) que describiu a máquina analítica  de Charles Babbage e está considerada como a primeira programadora. Deduciu e preveu a capacidade dos ordenadores para ir máis alá dos simples cálculos numéricos.

Sobre o CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) é un dos colexios profesionais máis activos na defensa dos intereses dos seus colexiados. Constituído en decembro de 2007 e con sede en Santiago de Compostela, na actualidade conta con máis de 350 persoas colexiadas.