Pasar al contenido principal

O CPEIG convoca o XII Premio Traballo Fin de Mestrado en Enxeñaría Informática cunha dotación económica de 1.000 euros para o gañador

Premio TFM

Os tres finalistas, seleccionados por unha comisión experta, beneficiaranse dun ano de colexiación gratuíta

Poderanse presentar propostas ata o 27 de setembro e o premio entregarase no marco da "13 Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia", que se celebrará o 29 de outubro en Santiago de Compostela

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) convoca a décima segunda edición do Premio Traballo Fin de Mestrado en Enxeñaría Informática. O galardón quere ser un estímulo para os estudantes e titulados recentes ou mestrados en Enxeñaría en Informática.

Tal como se recolle nas bases do certame, poden concorrer ao premio todas aquelas enxeñeiras e enxeñeiros en informática que presentaran nunha universidade galega o traballo fin de mestrado da Enxeñaría en Informática nos anos 2019, 2020 e 2021. Aqueles estudantes que queiran optar ao premio do CPEIG poden remitir a documentación precisa (ficha resumo do traballo, resumo  e memoria completa do mesmo) ata o día 27 de setembro ao seguinte enderezo electrónico: informacion@cpeig.gal. As bases e o formulario para presentar a candidatura podense atopar ao final deste artigo.

Mediante a organización deste premio, o Colexio profesional busca achegarse ao colectivo estudantil e defender as vantaxes da colexiación, ademais de estimular o traballo dos estudantes. Os tres finalistas terán dereito a un ano de colexiación. O gañador ou gañadora recibirá, ademais, unha gratificación económica de 1.000 euros. Unha comisión experta, integrada por representantes do CPEIG e das tres universidades galegas, valorará os traballos recibidos e seleccionará o traballo gañador.

Noite da Enxeñaría en Informática

A convocatoria realizada polo CPEIG insírese nos premios da "XIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia", que o Colexio celebrará o día 29 de outubro en Santiago de Compostela. Este evento anual, ademais de representar un punto de encontro entre todos as/os colexiadas/os, conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector.