Pasar al contenido principal

O CPEIG colabora no Día das Rapazas nas TIC para fomentar a educación tecnolóxica e mitigar o sesgo de xénero nestas profesións

Captura Dia Rapazas TIC

Máis de 120 estudantes participaron nun coloquio virtual con catro mulleres do mundo das TIC, Amparo Alonso, María Fernández, Isabel Expósito e Patricia Mañana

Fernando Suárez, presidente do Colexio profesional: "Os días convulsos que vivimos están demostrando a importancia da informática en moitos ámbitos, como o educativo ou o asistencial"

O Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) participou o pasado 23 de abril na oitava edición do "Día Internacional das Rapazas nas TIC", ICT-Go-Girls!, organizada polo Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), en colaboración co CPEIG, a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, a Asociación de Mujeres Investigadoras y Tecnólogas (AMIT) e a Asociación.GAL. O evento  foi creado para motivar ás novas xeracións de mozas co fin de que consideren as TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) como un ámbito axeitado para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional.

A directora da Axencia Galega da Innovación (GAIN) e presidenta do CESGA, Patricia Argerey, deu a benvida aos participantes xunto ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a secretaria Xeral de Iguadade, Susana López Abella, que presidiu o acto que, debido á situación de estado de alarma pola pandemia do Covid-19, celebrouse mediante multiconferencia web. Amparo Alonso Betanzos, María Fernández Hermida, Isabel Expósito Pérez e Patricia Mañana Borrazás, catro mulleres galegas que traballan e investigan en ámbitos relacionados coas novas tecnoloxías, compartiron a súa experiencia e responderon ás dúbidas dos máis de 120 estudantes de educación primaria e secundaria que seguiron o encontro dixital.

Como colaborador desde hai anos nesta actividade, o CPEIG está convencido da importancia que supón incorporar o talento feminino a un sector clave como o tecnolóxico. O seu presidente, Fernando Suárez, explica que esta iniciativa complementa outras do CPEIG, como o premio Ada Byron, pioneiro en España, e que anualmente recoñece o labor dunha enxeñeira en informática "para crear referentes femininos para as nenas a idades temperás", ou outras iniciativas previas como rapacinas.gal.

"Os días convulsos que vivimos están demostrando a importancia da informática en moitos ámbitos, como o educativo ou o asistencial. É fundamental potenciar a educación tecnolóxica desde o inicio do proceso educativo, o que sen dúbida mitigaría o sesgo de xénero destas profesións" –manifesta Fernando Suárez–. 

Ademais, o presidente recorda que a informática será básica en máis do 75% dos empregos futuros, con independencia do sector e do sexo de quen os desenvolva. E asegura que a carreira pola innovación dependerá da capacidade de atracción de talento e da vocación por fomentar o enxeño, a intelixencia e a imaxinación de toda a mocidade.

Amparo Alonso é catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Facultade de Informática da Universidade da Coruña (UDC) e presidenta da Asociación Española de Inteligencia Artificial (AEPIA) con recoñecemento e premios internacionais. Explicou aos estudantes que a intelixencia artificial está presente en moitas aplicacións e ferramentas. Ademais, como directora do grupo LIDIA (Laboratorio de I + D en Intelixencia Artificial), composto case á metade por mulleres, destacou o traballo deste equipo de investigación que desenvolve proxectos de I+D en áreas tan diversas como a medicina ou a xestión de incendios.

Unha industria dos videoxogos "aberta a todos"

Na súa intervención, a artista dixital María Fernández explicou aos alumnos e alumnas que a industria dos videoxogos é unha "gran descoñecida", mesmo para xogadores habituais. Faloulles das moitas e variadas opcións laborais que existen no sector, e nas que especificamente traballa como son escenarios, iluminación e guión.

 

Tamén lles comentou o importante papel que ten o feminismo na industria. Aínda que lembrou que tradicionalmente foi un sector masculino con xogos feitos "por e para homes", actualmente iniciativas como Women in Games –organización que promove os videoxogos como unha carreira para mulleres, que organiza charlas e apoia ás mulleres nesta industria e da que é embaixadora– e outras asociacións están conseguindo diversificar a industria para que sexa, non só máis atractiva desde un punto de vista laboral para as mulleres e outros colectivos minoritarios, senón que os produtos no mercado e o público que os consuma o sexan tamén, co obxecto de "crear una industria aberta a todos".

A enxeñeira en telecomunicacións Isabel Expósito explicou aos estudantes o seu traballo coa medida de sinais electromagnéticos, usados para a caracterización de antenas, tan en auxe actualmente polo cambio de frecuencias na TDT, e para que funcionen moitos dispositivos electrónicos que se usan a diario, como os móbiles, ordenadores, routers ou as xa nomeadas antenas para ver a televisión e escoitar a radio. Mesmo sinalou que roupa que se merca nas tendas leva antenas con fins de loxística.

Isabel Expósito é técnica do laboratorio Antelia, que pertence ao grupo de investigación de Sistemas Radio, recoñecido como grupo de referencia competitiva pola Xunta de Galicia que forma parte do AtlantTIC, un centro de referencia a nivel internacional de investigación en Telecomunicacións da Unversidade de Vigo (UVigo).

Neste punto, unha das súas liñas de actividade en Antelia é analizar a exposición de persoas a campos electromagnéticos. Isabel Expósito explicou que as antenas e outros aparellos eléctricos e electrónicos (electrodomésticos, máquinas das fábricas, liñas de corrente) xeran campos electromagnéticos ao seu arredor, e co uso de equipo especiais mídense que os niveis de potencia destes campos e ondas que se xeran, estean por debaixo  duns límites de seguridade. 

Pero no grupo de Sistemas Radio desenvólvense moitos outros proxectos de investigación relacionados coas comunicacións de radio e as TIC, segundo Expósito destinados a dar solución a problemas e facilitar a vida da xente. Son proxectos de loita contra incendios,  monitorización e localización de persoas maiores no rural, trazabilidade de alimentos empregando identificación por radiofrecuencia, etc.

As tecnoloxías para facer copias dixitais e identificar novos restos arqueolóxicos

Patricia Mañana Borrazás é arqueóloga especialista en novas tecnoloxías aplicadas ao patrimonio, coordinadora do proxecto DIMENSO e profesora no Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC). Desde o seu punto de vista, a arqueoloxía é unha profesión moi vocacional dos namorados do patrimonio, dos restos arqueolóxicos e da emoción do seu descubrimento. Partindo desta premisa, relatou aos alumnos a súa experiencia profesional e como foi o proceso de aplicar e traballar coas tecnoloxías na arqueoloxía.

O seu interese pola arqueoloxía xurdiu ao facer un traballo escolar no que tiña que presentar un castro que estaba ao carón da escola, o de Elviña na Coruña. E todas as ideas que floreceron desta actividade víronse reforzadas por un achado que fixo ao percorrer o monte da aldea dos seus avós, que todos os veciños coñecían como castro, chegando a descubrir que ese outeiro era en realidade a muralla dun castro soterrado. Aí comezou a súa paixón pola arqueoloxía polo que se decidiu a estudar Historia. Aínda que non foi ata anos máis tarde cando comprendeu os beneficios de aplicar as tecnoloxías ao seu traballo, e comezou a especializarse no uso de ferramentas topográficas, sistemas de información xeográfica, escáneres 3D ou fotogrametría. "Estas tecnoloxías axudan a facer copias dixitais dos restos arqueolóxicos e a identificar novos restos, co fin de obter resultados máis precisos, completos e detallados" –explicou–.