Pasar al contenido principal

Catro mulleres galegas que traballan coas novas tecnoloxías protagonizarán o evento virtual do Día das Rapazas nas TIC

Día Rapazas TIC 2020

O CPEIG colabora na actividade, organizada pola Secretaría Xeral de Igualdade e o Cesga, que se celebrará o 23 de abril ás 11 horas

 

Escolares de toda Galicia están invitados a coñecer máis sobre intelixencia artificial, videoxogos, comunicacións de radio e tecnoloxías na arqueoloxía moderna

 

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) colabora xunto á c da Xunta de Galicia, o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), a Asociación de Mujeres Investigadoras y Tecnólogas (AMIT) e a Asociación.GAL na oitava convocatoria do "Día Internacional das Rapazas nas TIC" (International Girls in ICT Day), que se celebrará o vindeiro 23 de abril no CESGA e será retransmitido en directo a través de Internet de 11 a 12 horas para todos os escolares de Galicia.

 

Este ano, debido á situación de Estado de Alarma pola pandemia do COVID-19, organizarase dunha maneira diferente mediante multiconferencia web. Será unha gran oportunidade para coñecer a catro protagonistas que contarán, en primeira persoa, o que a tecnoloxía pode aportar en diversos campos para mellorar a vida de todos e todas. O alumnado terá a oportunidade de preguntar e consultar calquera dúbida sobre o seu traballo. Participarán catro mulleres galegas excepcionais que traballan e investigan en ámbitos relacionadas coas novas tecnoloxías, desde perspectivas moi distintas:

 

Amparo Alonso Betanzos é catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Facultade de Informática da Universidade da Coruña (UDC) e presidenta da Asociación Española de Inteligencia Artificial (AEPIA). Dirixe o grupo LIDIA (Laboratorio de I + D en Intelixencia Artificial) que obtivo recoñecemento e premios internacionais polo seu traballo en Intelixencia Artificial aplicada a diferentes ámbitos.

 

María Fernández Hermida é unha artista dixital galega da industria dos videoxogos. Traballou no Estudio Gato Salvaje na creación de contornos 3D e guións para xogos. Desde hai tres anos é «Women in Games Ambasssador» (embaixadora das mulleres no videoxogo), unha organización que promove os videoxogos como unha carreira para mulleres, que organiza charlas e apoia ás mulleres nesta industria. 

 

Isabel Expósito Pérez é enxeñeira en Telecomunicacións da Universidade de Vigo (UVigo), na especialidade de comunicacións de radio. Traballa como técnica do laboratorio Antelia, que pertence ao grupo de investigación Sistemas Radio, recoñecido como grupo de referencia competitiva pola Xunta de Galicia. O grupo Sistemas Radio é un dos que conforman o centro AtlantTIC, un centro de referencia a nivel internacional de investigación en Telecomunicacións da UVigo.

 

Patricia Mañana Borrazás é arqueóloga, coordinadora do proxecto DIMENSO e profesora no Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC). Ten máis de 20 anos de experiencia en excavacións arqueolóxicas, nas que estivo aplicando durante máis dez anos novas tecnoloxías á documentación patrimonial, como fotogrametría e escáneres de múltiples tipos, 3D, estacións totais, GPS, escáner de luz estruturada, láser de curto alcance e terrestre, etc.

 

Inscrición e instrucións para participar no evento

 

Para participar neste coloquio en directo só é necesario enviar un correo electrónico a e-learning@cesga.es, indicando o curso e o centro ao que pertence o alumno e desde que localidade se conecta. Tamén, se é posible, deberá indicar o tipo de dispositivo (ordenador, tablet, móbil…) co que se conecta. Pódese seguir e difundir toda a información do evento e das actividades na web https://e-learning.cesga.es/ictgogirls/dia-rapazas-nas-tic/ e no seu Twitter @ICTGoGirls.

 

O Día Internacional das Rapazas nas TIC é unha efeméride de ámbito internacional para motivar ás novas xeracións de mozos e mozos a considerar as TIC para o desenvolvemento académico, investigador e profesional.  O evento está organizado e promovido polo CPEIG, a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, o CESGA, AMIT e a Asociación.GAL.  E ademais, conta co apoio de múltiples institucións: Axencia Galega de Innovación, Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, Axencia Galega de Modernización Tecnolóxica, Facultade de Ciencias da Educación e Unidade Woman Emprende da Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo (UVIGO), a Facultade de Informática da Universidade da Coruña (UDC), GalsTech, Hello Sisters! e  MujeresTech.

 

A Secretaría Xeral de Igualdade e o Cesga, promotor e coordinador do proxecto europeo "ICT-Go-Girls!: Promoting Entrepreneurship through ICT for Secondary School Girls" (Promoción do emprendemento a través das TIC entre rapazas de educación secundaria), considerado como referente pola propia Unión Europea, levan desde 2013 impulsando e colaborando en diferentes iniciativas para a difusión e promoción das Tecnoloxías da Comunicación e Información (TIC), especialmente para conseguir que as mulleres alcancen unha presenza igualitaria no sector das TIC, mediante accións dirixidas a rapazas entre 10 a 15 anos, franxa de idade que se considera chave para cambiar a tendencia ao rexeitamento das carreiras tecnolóxicas entre as rapazas. 

 

Cancelación do concurso #APUNTASTECH?

 

Debido á situación derivada do Estado de Alarma polo coronavirus, decidiuse cancelar a segunda edición do concurso #ApuntasTECH? e pospoñer a súa celebración ao 202, polas dificultades para convocar as ideas do alumnado de primaria e secundaria nun momento no que non están nos seus centros escolares.

 

O concurso #APUNTASTECH? está destinado a promover vocacións tecnolóxicas femininas. O seu obxecto principal é xerar un catálogo de propostas concretas que axuden a espertar o entusiasmo pola tecnoloxía e alentar as vocacións tecnolóxicas temperás, principalmente entre as nenas de 10 a 15 anos (5º e 6º de educación primaria e 1º e 2º de educación secundaria –ESO–). 

 

A organización agradece a participación no concurso e anima aos estudantes e docentes a presentar as súas ideas para a vindeira edición.