Pasar al contenido principal

Homenaxe a Ángela Ruiz Robles no 125 aniversario do seu nacemento

Homenaxe Ángela Ruiz Robles

O CPEIG homenaxea a Ángela Ruiz Robles no 125 aniversario do seu nacemento, unha mestra de corazón pero alma de inventora considerada a precursora do libro electrónico

Fernando Suárez: "É fundamental transmitir á sociedade a importancia de contar coas mulleres no sector tecnolóxico, absolutamente crucial para o desenvolvemento do país"

Con motivo do Día Internacional da Muller, o Colexio celebrou hoxe un acto conmemorativo na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC onde se lle fixo entrega a súa familia dunha figura institucional

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) recoñece a transcendencia para a enxeñaría informática do labor de Ángela Ruiz Robles (Villamanín. León, 1895 – Ferrol, 1975), unha mestra e inventora da que este mes de marzo se cumpre o 125 aniversario do seu nacemento. Con motivo do Día Internacional da Muller, que se festexará o vindeiro domingo día 8, o CPEIG celebrou hoxe martes un acto conmemorativo na Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) da Universidade de Santiago (USC). En nome da homenaxeada asistiron ao evento tres das súas netas, Mª Luisa, Mª del Carmen e María Elvira Souto Grandal, que recibiron das mans do presidente do CPEIG, Fernando Suárez, a figura institucional do Colexio profesional –peza da marca de cerámica galega Sargadelos–. Participou tamén no acto a directora da ETSE, Julia González, e o subdirector da ETSE, David Losada, con profesores da escola.

Na súa intervención, Fernando Suárez fixo unha análise xeral da situación actual da enxeñaría en informática e do papel da muller, unha profesión que segundo indicou sufre unha alta masculinización, con apenas un 17% de mulleres. A pesar destes datos negativos, tanto no ámbito académico como profesional, Fernando Suárez asegurou que a informática tamén é cousa de mulleres, e foron moitas as que xogaron un papel crucial durante décadas, como a coñecida Ada Byron, filla do poeta Lord Byron, que pasará á historia como a primeira programadora e da que o CPEIG adoptou o nome para un dos seus premios da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia. Ademais, lembrou outras figuras femininas excepcionais do sector tecnolóxico, como Grace Murray Hopper, creadora do primeiro compilador; Anita Borg, fundadora do Instituto da Muller e a Tecnoloxía; Hedy Lamarr, estrela do Hollywood clásico e inventora do espectro ensanchado por salto de frecuencia que se utiliza nos GPS, Bluetooth ou nas conexións WIFI; ou Ana María Prieto, a primeira programadora galega. "Neste olimpo brillan con luz propia figuras patrias como a ferrolá Ángela Ruiz" –sinalou–.

Ademais da responsabilidade de concienciar á mocidade e aos profesionais experimentados da necesidade de ter coñecementos informáticos sólidos y actualizados, Fernando Suárez cre fundamental transmitir á sociedade "a importancia de contar coas mulleres no sector tecnolóxico, absolutamente crucial para o desenvolvemento do país". 

Neste punto, Suárez lembrou que na actualidade os sistemas informáticos gobernan as comunicacións, transporte, maquinaria industrial, ámbito sanitario, aeronáutica, abastecemento de enerxía ou o sistema xurídico. "A nosa profesión ten o compromiso claro e irrenunciable de construír unha sociedade da información centrada na persoa, inclusiva e onde todos poidan crear, acceder, utilizar e compartir a información e o coñecemento, para permitir a persoas, comunidades e pobos alcanzar o seu pleno potencial, a promoción do seu desenvolvemento sustentable e a mellora da súa calidade de vida" –explicou–.

En relación ás empresas, Fernando Suárez manifestou que a día de hoxe viven unha transformación dixital, encamiñadas cara a economía dixital, aspecto evidenciado polo ritmo de creación de emprego do sector dixital, sete veces máis rápido que o da media da Unión Europea. Así, apuntou que en España as profesións TIC teñen un enorme potencial e constitúen unha gran oportunidade para o emprego e a creación de riqueza pola súa contribución ao incremento da produtividade e a innovación. Ademais, Suárez manifestou que esta demanda de profesionais TIC altamente cualificados poderá ser un "excelente motor de igualdade" e fomento da incorporación de mulleres a distintos sectores produtivos.

David Losada destacou a importancia de visibilizar o talento feminino a través da figura desta pioneira da posguerra española, co obxecto de converterse nun "exemplo inspirador" para alcanzar o reto de aumentar o número de mulleres nos graos tecnolóxicos. Sinalou que actualmente, aínda que con variacións segundo o curso académico, hai entre un 5 e un 17% de mulleres no Grao de Informática. Igualmente, Julia González incidiu na relevancia de darlle pulo á traxectoria profesional de mulleres como Ángela Ruiz, nos seus diferentes campos, para aumentar a representación feminina nas titulacións tecnolóxicas e científicas.

Labor social e pedagóxico polo que ingresa na Orde de Alfonso X El Sabio

De pai farmacéutico e nai ama de casa, Ángela Ruiz Robles naceu na primavera de 1895 na vila leonesa de Villamanín. Xa desde ven pequena amosou a súa paixón e vocación pola ensinanza, polo que cursou estudos superiores na Escuela Normal de Maestros de León onde impartiu as súas primeiras clases de taquigrafía, mecanografía e contabilidade mercantil.

A súa traxectoria como docente comeza con tan só 22 anos, cando foi nomeada directora do Grupo Escolar para nenas en Santa Lucía de Gordón (León). Obtivo a praza de mestre en 1918, na convocatoria de oposicións para Maxisterio Español, e incorporouse ao seu destino na escola da parroquia de Santa Uxía de Mandiá, en Ferrol, onde comezou a dar clases gratuítas á poboación. En 1934, foi destinada a Serantes, como xerente da Escuela Nacional de Niñas del Hospicio nesta parroquia do Concello ferrolán. Anos despois, foi designada profesora da Escuela Gratuita e finalmente en 1948 trasladouse á Escuela Nacional Ibáñez Martín (o actual CEIP Recimil) da que foi directora ata a súa xubilación. De forma complementaria, daba clases gratuítas nocturnas na Escuela de San José Obrero e creou a academia privada Elmaca, onde impartía clases de bacharelato, telégrafos, estudos mercantís e correos. Por todo este labor social e pedagóxico, Ángela recibe en 1947 a Cruz de Alfonso X El Sabio, para finalmente ingresar en 1949 na Orde de Alfonso X El Sabio. 

Emocionada, a súa neta María Luisa Souto agradeceu, en nome da familia de Ángela Ruiz Robles, este recoñecemento ao CPEIG, e asegurou que a súa avoa lle tería encantado estar neste auditorio, cursar estudos e investigar nesta escola. Describiu a Ángela como unha persoa "moi sinxela, sociable, respectuosa e traballadora por natureza", un traballo, o da ensinanza, ao que segundo relatou María Luisa dedicaba moitas horas, "sempre con paixón e por vocación, e nunca por diñeiro". Facendo memoria do tempo compartido con súa avoa, María Luisa precisou que ademais Ángela tiña moitas máis inquietudes, e tamén pintaba, escribía poesía, investigaba, e como non, facía tarefas propias da muller da época como cociñar ou bordar.

O libro mecánico, facilidade na aprendizaxe e o seu manexo

Pero ademais da súa fervente dedicación á ensinanza, Ángela tamén ten obra científica. Escribiu un total de dezaseis libros entre 1938 e 1946, ideou diferentes inventos entre 1944 e 1949 e impartiu multitude de conferencias. Pero quizais, o seu proxecto máis relevante foi a invención da Enciclopedia Mecánica. Patentada con data do 7 de decembro de 1949, recibiu a patente número 190.698. O 10 de abril de 1962, o Ministerio de Industria concédelle a segunda patente (número 274.246) de invención do Libro Mecánico- Enciclopedia Mecánica "Aparato para lectura e exercicios diversos". Ángela dirixiu os traballos do prototipo da enciclopedia mecánica, construído no Parque de Artillería de Ferrol. Xa en 1970, Ángela rexeitou unha oferta estadounidense para explotar as súas patentes ao querer que o libro mecánico fose desenvolto na súa terra. "Estou segura de que se o libro mecánico se editase, chegaríase a utilizar ao igual que o fixemos as súas netas con outras obras como o Atlas Gramatical" –asegurou María Luisa–. A enciclopedia formou parte da Exposición do Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA), en Santiago de Compostela, de 2006 a 2012, ano no que pasou a formar parte da exposición permanente do Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía da Coruña.

Segundo explicou María Luisa, nas súas obras hai que destacar o esmero por condensar os contidos didácticos, facendo o estudo "máis rápido e fácil, aforrando así tempo e esforzo". en palabras da propia Ángela, a Enciclopedia Mecánica ten as seguintes características: "Aligera el peso de las carteras de los alumnos, hace más atractivo el aprendizaje y adapta la enseñanza al nivel de cada estudiante. Portátil, que pese poco, de uso en casa y en el colegio, con la posibilidad de adaptarse a alumnos de todos los niveles y a los que tengan problemas de visión. Apoya al aprendizaje con sonidos. Enseña varios idiomas. Facilita el aprendizaje en la oscuridad incorporando luz. Da soporte para que otros maestros añadan sus propios materiales y aminora costes". Todas elas son características propias dun ordenador, e a súa neta asegura que se vivise na actualidade "sentiríase feliz de ver que a ensinanza avanzou en canto á aplicación da tecnoloxía".

      

Outro distintivo claro da súa personalidade era a xenerosidade. "Non soportaba que a xente non tivera acceso á cultura, de aí o seu invento do libro mecánico" –expuxo María Luisa–. E frases que figuran nos seus escritos exemplifican isto á perfección: "Dedicarse a la enseñanza es un acto de amor al prójimo"; "Hemos venido a este mundo no sólo a vivir nuestra vida lo más cómoda y mejor, sino a preocuparnos de que los demás puedan beneficiarse de algo ofrecido por nosotros".

Multitude de recoñecementos nacionais e internacionais

É na década dos 50 cando Ángela Ruiz comeza a recibir multitude de recoñecementos nacionais e internacionais á invención. Ademais da honra da Cruz da Orde de Alfonso X El Sabio, Ángela recibe do Ministerio de Educación Nacional o Lazo da mesma Orde. En 1952 foi Medalla de Ouro e Diploma na 1ª Exposición Nacional de Inventores Españoles.

En 1957 recibe o Óscar á invención na Feira Oficial e Nacional de Zaragoza e a medalla de bronce na Exposición Internacional de Bruxelas, ao igual que en 1958 polas novidades pedagóxicas. Xa en 1963 consegue a medalla de prata na Exposición Internacional de Invencións de Bruxelas, ademais doutras distinción similares en anos consecutivos. En 1978 é nomeada xefa provincial da Federación Politécnica Científica da Inventiva Internacional.

Xa en datas recentes, o Concello de Ferrol celebrou en 1998 unha homenaxe no que lle dedicou unha placa conmemorativa ao seu labor no Colexio Público Ibáñez Martín (actual Recimil), o seu último lugar de traballo. En 2013, os ministerios de Economía e Educación editaron "Ángela Ruiz Robles y la invención del libro mecánico". En 2016, foi protagonista do Doodle de Google. En 2018, tamén sae á luz a curtametraxe "Mbook. O libro mecánico de Ángela Ruiz Robles", de Cristina Esteiro e Carlos A. Quirós, de Cuerda Floja Producións, onde se conta a historia dunha mestra e paralelamente a dunha rapaza que vai á escola. Foi gravado co apoio do Concello de Ferrol para o Día Internacional da Muller, e foi proxectado no prestixioso Festival de Cine de Málaga na súa edición de 2019.