Pasar al contenido principal

Fernando Suárez, novo presidente do Consejo General de Colegios Oficiales de Ingeniería en Informática de España

Nova Junta CCII

O actual presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia substitúe a Juan Pablo Peñarrubia na presidencia do órgano que regula a actividade dos colexios profesionais de enxeñaría en informática de España

 

O sábado, 21 de setembro, proclamouse a nova Junta de Gobierno do Consejo General de Colegios Oficiales de Ingeniería en Informática (CCII).

A nova lista está encabezada por Fernando Suárez Lorenzo, anterior vicepresidente do Consejo e actual presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG).

Fernando Suárez é licenciado en informática pola Universidade da Coruña. Actualmente desenvolve a súa actividade profesional na Deputación de Ourense como Director da Área de Transparencia e Goberno Aberto desde xaneiro de 2018.

Desde maio deste ano é presidente da Comisión de Deontoloxía e Ética do CCII, órgano encargado da elaboración do Código Ético e Deontolóxico da Enxeñaría Informática presentado ese mesmo mes.

Tamén colabora en tarefas de avaliación para a implantación de títulos oficiais e estudos de Grao e Máster e é vicepresidente e vogal profesional da comisión de Acreditación Euro-Inf da Agencia Nacional de Evaluación de la Calidad y Acreditación (ANECA).

Ademais, Fernando Suárez desempeña labores como docente en varias universidades galegas.

O novo presidente do CCII recibiu diversos recoñecementos ao longo da súa carreira profesional. En maio de 2015 concedéuselle o premio i3 á Traxectoria Profesional Nacional grazas a súa gran dedicación cara a profesión e pola súa contribución ao desenvolvemento da enxeñaría informática en beneficio da sociedade.

O pasado mes de maio Suárez recibiu un recoñecemento sobre a concienciación en seguridade nos Premios Internacionais de Seguridade Cibernética e Protección de Datos da Asociación Española para el Fomento de la Seguridad de la Información. 

Con esta nova candidatura, o Consejo General seguirá traballando para concienciar sobre a influencia que ten a enxeñaría informática na sociedade actual.

Nova etapa para un Consejo que celebrará este ano unha década da lei que impulsou a súa creación

O Consejo General de Colegios Oficiales de Ingeniería en Informática (CCII) é a entidade que representa á profesión de enxeñaría informática española. Constituíuse en 2010 e integra a todos os colexios autonómicos de Enxeñaría Informática. Unhas das súas principais funcións é a ordenación do exercicio da profesión e a representación da Enxeñaría Informática a nivel nacional e internacional.

A nova xunta de goberno é un proxecto de continuidade da estratexia e de boa parte do equipo directivo do Consejo, incluíndo o anterior presidente, Juan Pablo Peñarrubia, que pasa a ser vicepresidente, e quen pola súa parte destacou e agradeceu a enorme labor realizada pola xunta de goberno saínte na etapa de consolidación nacional e internacional da actividade da enxeñaría informática española, incluíndo ao propio Fernando Suárez de quen destacou a súa calidade persoal, o seu compromiso coa profesión e o seu bo facer, tanto a nivel nacional como de Galicia. Ademais, esta nova xunta conta coa representación de practicamente a totalidade dos colexios autonómicos existentes, o que aporta pluralidade e coñecemento ao equipo de traballo.

Como novidade, o Consejo introducirá a figura do ‘Colaborador Nacional’, que consistirá en posibilitar que colexiados que non formen parte da xunta de goberno do CCII poidan aportar as súas ideas e opinións en  aqueles campos nos que sexan expertos.

O Consejo continuará traballando para conseguir que a regulación informática sexa unha realidade. Poñeranse en marcha tamén accións como a colaboración para o fomento da educación en informática e a formación dos profesionais do sector; medidas moi necesarias ante a constante evolución da profesión.

Así mesmo, Fernando Suárez considera fundamental impulsar o Código Ético e Deontolóxico, non só entre os seus colexiados senón tamén entre todos os profesionais e empresas do sector TIC.