Pasar al contenido principal

Integración da tecnoloxía na sociedade para mellorar a calidade de vida e un maior investimento en I+D+i e en educación en STEM

A NOITE 2019

Fernando Suárez, presidente do CPEIG: "Só guiándonos polos valores e a ética poderemos capturar todo o potencial da tecnoloxía para construír unha sociedade mellor, máis inclusiva e xusta"

 

O Colexio celebrou o venres 28 de xuño a súa gala en Santiago de Compostela e entregou os premios anuais da profesión ante uns 350 convidados

 

O Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) celebrou o pasado venres, 28 de xuño, a súa "XI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia" cunha cea de gala no Hotel Monumento San Francisco de Santiago de Compostela. Preto de 350 convidados asistiron ao gran evento do sector TIC en Galicia, entre representantes as empresas e profesionais do sector tecnolóxico, da Administración Pública, e do ámbito universitario, entre os que destacan a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira; o director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Juan Cividanes; o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; e o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio E. Abalde; entre outros.

 

O evento tivo como mestre de cerimonias ao actor compostelán Luis Zahera, que amenizou a gala e presentou a entrega dos premios anuais do CPEIG. Contou coa actuación musical de mítica banda La Unión, grupo de pop e New wave español creado na década dos 80 e coñecida internacionalmente polo seu tema "Lobo hombre en París", con máis de tres millóns de discos vendidos, recibindo en 2006 un dobre disco de diamante pola súa carreira discográfica.

 

A Noite é xa unha gala consolidada onde o CPEIG pretende mostrar á sociedade o traballo desenvolto por enxeñeiros e enxeñeiras en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC. A gala contou con todo tipo de actividades destinadas a garantir a diversión dos asistentes, como un sistema de realidade aumentada con Chroma Key, gafas de realidade aumentada, un espectáculo de maxia de cerca e diversos sorteos. 

 

Como reflexión sobre o que aconteceu no último ano no sector TIC e marcar os eixos da súa evolución futura, o presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, explicou na súa intervención que a tecnoloxía e as persoas compoñen a ecuación da Sociedade da Información, e a súa progresión dependerá de cuestións como vocación, actitude e talento. Destacou que esta dixitalización ten xa un impacto positivo, achegando respostas a retos sociais e ambientais, mellorando radicalmente a calidade de vida das persoas, a produtividade dos negocios e o crecemento da economía.

 

Ademais de ver as oportunidades desta revolución dixital, Fernando Suárez indicou que xorden tamén grandes desafíos, como a fenda dixital, o impacto nos empregos e na educación, o uso axeitados dos datos, a seguridade, a privacidade, ou a distribución da riqueza. Pero para dar resposta a estes retos, o presidente manifestou que son precisos valores e doses de humanismo, xa que todo debe xirar ao redor dos dereitos e obrigas das persoas no mundo dixital. "Ata agora, o ser humano dedicou moito esforzo para aprender a linguaxe das máquinas e poder comunicarse con elas e agora chegou o momento de que sexan as máquinas as que aprendan a linguaxe dos humanos" –destacou–.

 

A estas oportunidades e desafíos dos avances tecnolóxicos súmanse os principios de xustiza, atribución de responsabilidade e asimetría, transparencia, ética, educación e diversidade. "Só guiándonos polos valores e a ética poderemos capturar todo o potencial da tecnoloxía para construír unha sociedade mellor, máis inclusiva e xusta" –sentenciou–.

 

E para o futuro, Fernando Suárez compartiu cos asistentes tres desexos: que a tecnoloxía forme parte integral da sociedade para incrementar a calidade de vida da poboación; que Galicia e España invistan máis en I+D+i para converterse en líderes de Europa e ponte con Latinoamérica e África, ademais de investir en formación, atracción e retención do talento, actualización do sistema educativo centrándose nas STEM e fomento da creatividade e innovación; e que cada vez haxa máis nenos e nenas que queiran se enxeñeiros, investigadores, inventores ou innovadores en tecnoloxía.

 

O presidente agradeceu o apoio incondicional do sector á Noite, profesionais e empresas que coa súa presenza axudan a facer "máis visible" a enxeñaría en informática, unha profesión que asegurou ten un "crecente impacto" na vida das persoas, na creación de riqueza e no desenvolvemento económico do país. "Os enxeñeiros en informática compartimos a profesión máis social que existe, porque estamos obrigados a entendernos con expertos de todos os ámbitos. E por iso fuximos das actitudes excluíntes doutros colectivos e apostamos pola unión, da que A Noite é referencia e que queremos afianzar a través do noso compromiso coa sociedade" –indicou–.

 

A calidade dos galardoados, "proba do excelente estado do noso sector TIC dentro e fóra das nosas fronteiras"

 

Son dez as distincións anuais que se entregaron hoxe na "XI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia", premios que corresponden a diversas categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática. 

 

Fernando Suárez sinalou que as persoas, empresas e institucións hoxe distinguidas están a consolidar a Sociedade da Información en Galicia, e subliñou que o Colexio está especialmente orgulloso da calidade dos galardoados, "proba do excelente estado do noso sector TIC dentro e fóra das nosas fronteiras". 

 

O director xeral de Mobile World Capital Barcelona –Carlos Grau–, a enxeñeira Mónica Fernández Bugallo, o director da Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) – Carlos Vázquez Mariño–, o enxeñeiro informático Óscar Blanco, o proxecto "Camino de los Satélites", o CEIP Ponte dos Brozos de Arteixo, o Club Financiero Atlántico da Coruña, Hijos de Rivera, a asociación Alastria, os "Talleres e Axudas á Dixitalización" promovidos polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, e as empresas Altia e Everis son as persoas, organismos ou entidades distinguidas nestes premios.