Pasar al contenido principal

O Club Financiero Atlántico recibe o premio Iniciativa Emprendedora pola súa capacidade organizativa na Mobile Week Coruña

Mobile Week Coruña

Celebrouse con éxito en novembro de 2018 co obxecto de achegar a transformación dixital á cidadanía, e este ano xa está confirmada a segunda edición

O presidente Mariano Gómez-Ulla recollerá a distinción na gala da "XI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia" o 28 de xuño en Santiago

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) outorga o premio Iniciativa Emprendedora da "XI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia" ao Club Financiero Atlántico de Coruña polo seu soporte organizativo na Mobile Week Coruña. A gala máis importante da informática en Galicia celebrarase o vindeiro 28 de xuño no Hotel Monumento San Francisco de Santiago de Compostela, evento ao que asistirá o presidente do Club Financiero Atlántico, Mariano Gómez-Ulla, acompañado polo vicepresidente de Mobile Week Coruña, Manuel Gens, e o director executivo da Mobile Week Coruña, Guillermo Taboada. Os premios da Noite corresponden a dez categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática.

Mobile Week Coruña foi o evento internacional máis importante da historia de Galicia, organizado polo Club Financiero Atlántico da Coruña do 21 ao 28 de novembro de 2018 na cidade herculina e noutros trece municipios galegos, como un punto de encontro e unha invitación á reflexión da cidadanía no que se abordaron os grandes retos e oportunidades das tecnoloxías dixitais en clave de cultura, calidade de vida, privacidade, ética, sustentabilidade ou seguridade.

A organización contou coa colaboración das tres Administracións Públicas galegas: Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e Concello da Coruña que traballaron conxuntamente como exemplo de "compromiso e consenso coa transformación dixital". Ademais, sumáronse máis de 60 asociacións, colexios profesionais –como o CPEIG–, e institucións de toda Galicia, Cataluña e Portugal. Contouse tamén co patrocinio de empresas privadas, servindo o evento como escaparate internacional de todas elas. 

O evento contou coa asistencia de 4.500 persoas que asistiron ás máis de 98 actividades impartidas por máis de 139 relatores, artistas e talleristas, todos eles comprometidos coa transformación social e o protagonismo da cidadanía. Alcanzáronse uns indicadores de visualización excelentes, conseguindo máis de 2.500 usuarios na plataforma dixital, máis de 1.500 participantes na dual streaming, e un altísimo seguimento en redes sociais con máis de 13,5 millóns de Hashtag.

O éxito do simposio, que por primeira vez se descentralizou de Barcelona co fin de achegar a transformación dixital aos cidadáns e servir de ponte dixital entre os eixos do Mediterráneo e o Atlántico, repetirá cunha segunda edición na Coruña do 25 ao 30 de novembro de 2019 onde os retos serán buscar máis participación da cidadanía, máis implicación da sociedade civil, analizar a xeración de tecnoloxías 5G, entre outros desafíos.