Pasar al contenido principal

"Camino de los Satélites", premio e-Inclusión polo uso de tecnoloxías para facer accesible o Camiño de Santiago

Camino de los Satélites

Recollerá o galardón na gala da "XI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia" que se celebrará o vindeiro 28 de xuño en Santiago

 

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) outorga o premio e-Inclusión ao proxecto "Camino de los Satélites". A gala máis importante da informática en Galicia celebrarase o vindeiro 28 de xuño no Hotel Monumento San Francisco de Santiago de Compostela. Os premios da Noite corresponden a dez categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática.

 

"Camino de los Satélites" [https://www.caminodelossatelites.org] é un conxunto de accións destinadas a mostrar como as tecnoloxías socialmente responsables poden facer accesible o Camiño de Santiago a todo o mundo. Ademais, ten por obxecto fomentar e promover a participación nesta ruta de peregrinación que se utiliza como "pista de proba" para estas tecnoloxías, dada a variedade de actividades que implica, como camiñar ou moverse noutros medios, peregrinar, hospedarse, adquirir   cultura, ver patrimonio, entre outras.

 

É unha iniciativa da Fundación Tecnología Social (Funteso), que se realiza por primeira vez en 2010 percorrendo o Camiño Francés a pé con Miguel Induráin, Serafín Zubiri e outras 40 persoas que probaron o estado de moitas tecnoloxías nesta época como os GPS, roupa intelixente, etiquetas visuais ou enerxías renovables.

 

Este proxecto pretende fomentar un uso responsable da tecnoloxía, non crear necesidades ao peregrino senón dar apoio a aquel que por un motivo ou outro atopa barreiras á hora de facer o Camiño, convertíndoo nunha experiencia accesible a todo o mundo. Está orientado a todo tipo de persoas, especialmente aquelas con risco de exclusión tecnolóxica, persoas maiores, con diversidade funcional e con necesidades fóra do común.

 

Localización dos "Bicigrinos" coa nova tecnoloxía de G-ME

 

Ademais, o presidente de Funteso e coordinador de "Camino de los Satélites", Enrique Varela Couceiro, explica que a iniciativa "non é unha guía de empresas ao uso", senón un banco de análise de recursos de marketing web onde empresas e profesionais poden actuar como colaboradores.

 

O proxecto estrela de 2019 apela á parte moral, espiritual e mística do Camiño de Santiago. Este ano realizarase o Camiño Francés en trece etapas en bicicleta –desde o 28 de setembro ao 10 de outubro entre Roncesvalles e Compostela–, para fomentar o uso deste medio de transporte aplicando tecnoloxía responsable para facer máis fácil o percorrido, as paradas, o acceso ao patrimonio, cultura, comercio local e hostalería. Participarán un tándem, unha hand bike e algunha outra bici especial para persoas con diversidade funcional, así como bicicletas estándar ata completar o grupo de "Bicigrinos" que percorrerán o Camiño coa organización. Para o seguimento e localización dos "Bicigrinos" contarase coa nova tecnoloxía de G-ME, un sistema novidoso, preciso e eficaz de seguimento de persoas, animais e cousas.

 

 

Presentación "Camino de los Satélites 2019"