Pasar al contenido principal

A Olimpíada Informática Galega 2022 celebrarase o 4 de febreiro, organizada polo CPEIG en colaboración coas Universidades da Coruña, Santiago e Vigo

OIG 22

A Facultade de Informática da UDC, a Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC e a Escola Superior de Enxeñaría Informática da UVigo serán as sedes do certame

O concurso xa ten a pre-inscrición aberta na web https://oig.gal/ para estudantes de de secundaria, bacharelato ou grao medio
 

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), en colaboración coas tres universidades galegas –Universidade da Coruña (UDC), Universidade de Santiago (USC) e Universidade de Vigo (UVigo)– organizan a Olimpíada Informática Galega 2022 (OIG 2022) que se celebrará o vindeiro 4 de febreiro.

A OIG 2022 desenvolverase de xeito presencial, sempre que a situación sanitaria o permita, e de maneira simultánea en tres sedes: A Coruña, Santiago e Ourense (Facultade de Informática da UDC, Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC e Escola Superior de Enxeñaría Informática da UVigo). 

Os participantes na Olimpíada Informática Galega deberán resolver unha serie de problemas mediante unha linguaxe de programación que permita automatizar a súa resolución. Na OIG permítese o uso de C++, Python ou Java. Os problemas da olimpíada soen centrarse no deseño correcto e eficiente de algoritmos.  

Este concurso de programación está orientado a estudantes de ensinanza secundaria, bacharelato e grao medio (ou equivalente). Permitirá seleccionar a dous representantes galegos para que participen na Olimpíada Informática Española, que se celebrará en abril de 2022. De aí, os gañadores poderán acceder á Olimpíada Informática Internacional, que se celebrará en agosto de 2022 en Indonesia. A inscrición a cada unha das sedes aínda non está aberta, pero si está aberta unha pre-inscrición que dará preferencia para a elección de sede na inscrición final.

Máis información: https://oig.gal/. Contacto: informacion@oig.gal