Pasar al contenido principal

O CPEIG e a Amtega celebran mañá venres na Cidade da Cultura unha xornada sobre a Blockchain, tecnoloxía para transferir datos dunha maneira segura

xornada presentación

Organízase no marco dun curso online que se celebra este mes de outubro en colaboración coa asociación Alastria e a Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración con Alastria (asociación que fomenta a economía dixital a través do desenvolvemento de tecnoloxías de rexistro descentralizadas/Blockchain) e a Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo (UVigo), celebran mañá venres, 22 de outubro, a xornada “Mobilizando o mundo con Blockchain”. Esta xornada está enmarcada na organización do curso online de introdución á tecnoloxía Blockchain xunto co resto de Tecnoloxías de Rexistro Distribuído  (DLT) desde cero, tanto nos seus fundamentos básicos como na súa aplicación práctica, iniciado o pasado día 6 e que se estenderá ata o 29 de outubro.

A actividade celebrarase en formato híbrido, presencial con aforo limitado no Edificio CINC (auditorio 2) da Cidade da Cultura en Santiago, e retransmitido por streaming para os asistentes online, de 10:30 a 13:00 horas. Os interesados en asistir poden inscribirse en https://blockchain-cpeig.eventbrite.es.

A xornada será inaugurada polo presidente do CPEIG, Fernando Suárez. O primeiro relatorio, titulado “Cara a onde se dirixe o mundo? Identidade dixital e Euro dixital”, ofrecerá unha visión macro e estará impartida polo director do programa, Luis Garvía, profesor de mercados financeiros e membro da xunta directiva de Alastria e director do Máster de Riscos Financeiro de ICADE. A continuación a xornada centrarase nunha visión micro, coa intervención de Javier Represas, CEO en Kala Investments, que falará  do “Blockchain na industria. O futuro que empeza: a transformación do servizo”.  Xa ás 12:20 horas terá lugar unha mesa redonda sobre “A vida despois dunha pandemia, os fondos europeos e a tecnoloxía: É posible integrar todo isto cun enfoque humanista?”, na que participarán Fernando Suárez; o socio promotor de Rede Mundo Atlántico, Manuel Gens; e o presidente de Alastria e CEO de Add4u, Miguel Ángel Domínguez. 

BlockChain é unha tecnoloxía disruptiva que abre as portas a novos modelos de negocio, aporta confianza e automatiza procesos empresariais de todos os sectores, como acortar os pagos internacionais de días a horas, dar trazabilidade ás cadeas de subministro, chegando mesmo en algúns procesos a aforrar ata o 90% de custes de xestión de transporte e loxística.

A tecnoloxía BlockChain (cadea de bloques) e resto das DLTs son como un xigantesco libro de rexistros que recolle todos os datos dun intercambio con valor. Este gran libro está gardado de forma descentralizada nos nodos (ordenadores) da rede utilizada polo sistema, coa peculiaridade de que a información se replica por igual en todos os nodos.