Pasar al contenido principal

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña recibe do CPEIG o Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino polo seu proxecto ‘Talentos Inclusivos’

Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino

A iniciativa pretende fomentar as vocacións TIC entre estudantes de secundaria e bacharelato, dar visibilidade ás persoas con diversidade funcional e facilitar o seu día a día mediante solucións innovadoras

Será homenaxeado na “XIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” que se celebrará o 29 de outubro no Hotel Oca Puerta del Camino en Santiago

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) outorga o Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino da “XIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” ao Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña polo seu proxecto ‘Talentos Inclusivos’ destinado a fomentar as vocacións TIC entre a mocidade, á vez que da visibilidade ás persoas con diversidade funcional e contribúe a facilitar o seu día a día mediante solucións tecnolóxicas innovadoras. 

A gala máis importante da informática en Galicia celebrarase o vindeiro 29 de outubro no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago de Compostela, cun encontro presencial e virtual que reunirá ás empresas máis destacadas do sector TIC en Galicia. Os premios da Noite corresponden a dez categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática.

Co Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino, a organización colexial pretende amosar a capacidade da enxeñaría en informática para mellorar a calidade de vida en distintos ámbitos e colectivos sociais, implicando á poboación más nova en iniciativas como a galardoada na presente edición. 

‘Talentos Inclusivos’ é un proxecto colaborativo posto en marcha polo CITIC xunto con ASPACE Coruña, co apoio do Consello Social da UDC, a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia.

O obxectivo do proxecto é dobre: fomentar as vocacións TIC entre estudantes de secundaria e bacharelato e, á súa vez, dar visibilidade á diversidade funcional, facilitando ademais o día a día das persoas con parálise funcional. Para iso, creáronse grupos de traballo colaborativos formados por usuarios e usuarias de ASPACE Coruña e estudantes de secundaria e bacharelato de diferentes centros educativos da provincia de Coruña, apoiados polo seu profesorado da materia de tecnoloxía e por persoal investigador do CITIC. 

Así, os usuarios e usuarias de ASPACE Coruña propuxeron diferentes retos tecnolóxicos que foron resoltos polo alumnado dos centros educativos. Durante todo o curso académico, máis dun centenar de estudantes implicáronse na iniciativa para dar solución a problemas cos que adoitan atopan as persoas con parálise cerebral.  

Algúns dos desenvolvementos tecnolóxicos foron un robot e un dron controlados coa man ou a cabeza, un sistema anticolisión para cadeiras de rodas, xoguetes infantís adaptados e produtos de apoio con impresión 3D.

O investigador principal do proxecto e subdirector do  CITIC, Javier Pereira, afirma que “o proxecto Talentos Inclusivos proporciona coñecemento científico en beneficio da sociedade, que é un dos obxectivos co que o CITIC foi creado”. Tamén destacou a “gran implicación dos estudantes no proxecto”, así como “a súa capacidade de empatizar coas persoas con parálise cerebral para tentar axudar e propoñer solucións”.

Ante o éxito da primeira edición, o proxecto ‘Talentos Inclusivos’ terá unha nova convocatoria no recentemente iniciado curso académico. 

Sobre o  CITIC

O  CITIC é un Centro de Investigación de Galicia que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicado ás TIC. Impulsado pola Universidade da Coruña, no ano 2016 a Xunta de Galicia recoñece ao  CITIC como Centro Singular de Investigación de Galicia 2016-2019 pola súa traxectoria científica. En 2019 renova esta acreditación e pasa a denominarse Centro de Investigación de Galicia. A actividade científica do  CITIC estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia Artificial, Ciencia e Enxeñería de Datos, Computación de Altas Prestacións, e Servizos e Redes Intelixentes, ademais dunha área de investigación transversal a todas elas, a de Ciberseguridade. Un dos obxectivos do  CITIC pasa por poñer ao alcance da sociedade os resultados das súas investigacións, polo que no centro promóvense accións de ciencia cidadá e actividades divulgativas que potencien as vocacións científicas e garantan a renovación do talento no ámbito das TIC.

Máis información sobre o PROXECTO