Pasar al contenido principal

O Día das Rapazas nas TIC, co que colabora o CPEIG, expón referentes femininos para atraer vocacións científico-tecnolóxicas ás nenas

Día Rapazas TIC 2

Máis de 1.150 estudantes participaron hoxe nun coloquio virtual con catro mulleres do mundo das TIC: Beatriz Paz, Ana Freire, Úrsula Martínez e Verónica Bolón

Fernando Suárez, presidente do Colexio profesional: “A Enxeñaría en Informática é a profesión máis social do noso tempo e por iso  facemos un chamamento ás estudantes para que estean máis presentes na sociedade do futuro”

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) participou hoxe na novena edición do “Día Internacional das Rapazas nas TIC”, ICT-Go-Girls!, organizada xunto á Secretaria Xeral de Igualdade e ao Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) da Xunta de Galicia. O evento  foi creado para motivar ás novas xeracións de mozas co fin de que consideren as TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) como un ámbito axeitado para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional.

A través da Plataforma Webinar do Cesga, a xornada foi retransmitida en directo para escolares de primaria e secundaria de toda Galicia. Deu a benvida aos participantes a directora da Axencia Galega da Innovación (GAIN) e presidenta do CESGA, Patricia Argerey. A continuación, interveu a secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella, e clausurou o acto o director do CESGA, Mauro Fernández. 

Nesta edición bateuse récord de participación, con máis de 30 centros e máis de 1.150 alumnas e alumnos desde 5º de primaria a 2º de bacharelato. Coñeceron a catro tecnólogas galegas que lles contaron, en primeira persoa, o que a tecnoloxía pode aportar en diversos campos científicos e laborais para mellorar a vida da cidadanía: a enxeñeira de Telecomunicacións, Beatriz Paz Santalla; a doutora en Enxeñaría en Informática, Ana Freire; a enxeñeira Aeroespacial, Úrsula Martínez Álvarez; e a doutora en Enxeñaría en Informática, Verónica Bolón Canedo.

Como colaborador desde hai anos nesta actividade, o CPEIG está convencido da importancia que supón incorporar o talento feminino a un sector clave como o tecnolóxico. O seu presidente, Fernando Suárez, explicou que as novas tecnoloxías compren un papel estratéxico no cambio de época que se está a vivir, e en concreto, asegura que a informática é unha disciplina transversal a practicamente todos os sectores produtivos, desde a agricultura e a pesca á educación, cultura, sanidade, automoción, etc.     

“A informática está en todos os sitios, e así quedou demostrado coa pandemia, e transformou a nosa sociedade ata o punto de que a cantidade de tecnoloxía que temos á nosa disposición abre novas oportunidades en todos os campos” –indicou–. 

Europea aprobou o Fondo de Recuperación Europeo, tamén chamado Next Generation, e España presentou o seu Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, bautizado como “España puede”, con fondos para a transición dixital. “Por primeira vez na historia, a informática é clave para a sostibilidade do planeta e para asegurar o reparto eficiente dos recursos, sendo crítica para a mellora da calidade de vida das persoas. A Enxeñaría en Informática é a profesión máis social do noso tempo e por iso  facemos un chamamento ás estudantes para que estean máis presentes na sociedade do futuro” –manifestou–.

Oportunidades laborais do sector tecnolóxico

Na súa intervención, a enxeñeira superior en Telecomunicacións pola Universidade de Vigo (UVigo), Beatriz Paz, deu unhas pinceladas sobre a súa traxectoria desde que era unha estudante co obxecto de contrarrestar algún dos tópicos que existen sobre as carreiras técnicas. “Non deben deixarse asustar pola dificultade que se lles presupón a estas disciplinas ou o mito do ‘cerebrito’ illado do mundo. As persoas que traballamos no ámbito da tecnoloxía somos como calquera outra, con amigos e vida social” –explicou–.

De seguido, Paz Santalla falou das oportunidades laborais que ofrece a tecnoloxía, un sector sempre na busca de gran cantidade de postos de traballo cualificados. “O futuro estano deseñando as empresas tecnolóxicas e os tecnólogos, por iso é tan importante que haxa máis mulleres no sector tecnolóxico para que non queden excluídas” –apuntou–.

Ana Freire mandou varios mensaxes no seu relatorio con fin de animar ás mozas a descubrir o mundo da ciencia e a tecnoloxía, porque non son ámbitos desconectados da sociedade. “Tanto a ciencia como a tecnoloxía teñen aplicacións sociais moi diversas e necesarias, como a saúde ou a sostibilidade” –matizou–. 

De maneira informal, Freire explicaralle aos estudantes o seu día a día no traballo de enxeñeira informática, interactuando con profesionais de sectores moi diversos e viaxando  e aprendendo cousas novas. En particular, explicaralles o proxecto STOP, que liderou hai máis de catro anos e no que se aplicaba intelixencia artificial para detectar problemas de saúde mental. Finalmente, presentoulles a iniciativa Wisibilízalas, destinada a dar a coñecer o bo facer de moitas mulleres que traballan en STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas), para que lles poida servir de inspiración. 

Investigación espacial e intelixencia artificial

Pola súa parte, Úrsula Martínez centrouse en explicarlles o proceso a seguir nun proxecto de enxeñaría, desde que se pensa en algo ata que se obtén o resultado final. En particular, faloulles dun proxecto que fixo hai dous anos dun simulador de campo magnético terrestre, ilustrado con vídeos das últimas etapas do proxecto desenvolto no Spanish User Support and Operations Centre (EUSOC), un centro de investigación espacial da Universidad Politécnica de Madrid (UPM) delegado da Agencia Espacial Europea. Ademais, a enxeñeira aeroespacial explicará as súas prácticas no EUSOC na actualidade traballando no estudo do comportamento térmico de certos materiais na contorna espacial. 

Finalmente, a carballesa Verónica Bolón relatou aos escolares o seu inicio na etapa escolar e como desde ben nena xa se decantara polas matemáticas e a física. Cando chegou o momento de escoller carreira, decantouse por unha enxeñaría pola saída profesional. Tras matricularse inicialmente en Telecomunicacións, finalmente cursou Enxeñaría en Informática na Universidade da Coruña (UDC). “Descubrín que a informática é unha disciplina transversal, con moitas aplicacións e moi interesantes, nas que as matemáticas e a física xogan un papel moi importante” –salientou–.

Xa á hora do Proxecto Fin de Carreira, Bolón apostou pola Intelixencia Artificial (IA), departamento dirixido por mulleres na UDC, e desde ese momento forma parte do grupo de investigación LIDIA (Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento en Intelixencia Artificial). “Investigar en IA é moi satisfactorio xa que é unha material multidisciplinar e transversal que me permite abordar unha gran variedade de problemas. Teño creado algoritmos para axudar a detectar enfermidades (retinopatía do prematuro, apnea do sono, insuficiencia cardíaca), para detectar vertidos no océano, ataques en redes de computadoras ou mesmo para poder ser aplicados en dispositivos intelixentes do tamaño dun anel” –concretou–. Desde 2016 Verónica Bolón é profesora na Facultade de Informática da UDC, compaxinando as súas labores docentes cos traballos de investigación.

O evento conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega),  Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas de Galicia (AMIT-GAL), Asociación.GAL, Facultade de Ciencias da Educación, Woman Emprende e Oficina de Igualdade da Universidade de Santiago, Facultade de Informática da Universidade da Coruña (UDC), Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións da Universidade de Vigo (UVigo) e grupos de mulleres tecnólogas en Galicia como GalsTech e Hello Sisters!