Pasar al contenido principal

O CPEIG sinala o uso de controis parentais como axuda para pais no intento de evitar o acceso dos menores de idade a contido inadecuado en internet

Día de Internet Segura 2021

Fernando Suárez, presidente: “Corren o risco de ver imaxes ou vídeos de contido sexual ou violento, con linguaxe impropia, e estar expostos a modas perigosas para a súa saúde e a todo tipo de informacións falsas”

Aconsella a pais e nais facer shareting responsable, a práctica de subir imaxes dos fillos menores de idade á rede, para protexer a súa intimidade e seguridade

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), con motivo do Día da Internet Segura que se celebrou o pasado 9 de febreiro, ofrece unha serie de recomendacións para evitar o acceso dos menores de idade a contido inadecuado en internet e procurar un uso seguro da rede, dirixidas a pais, nais, titores ou entidades educativas, así como á industria de contidos dixitais. 

Coa pandemia provocada pola covid-19, onde están limitadas as interaccións sociais, os nenos e adolescentes pasan máis tempo do habitual conectados á rede, e en moitas ocasións sen supervisión dun adulto. Por este motivo, o CPEIG explica as ferramentas existentes para tratar de evitar a exposición dos menores a este tipo de contidos.

Neste mundo hiperconectado, o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, sinala que os menores teñen acceso a todo tipo de dispositivos intelixentes, cada vez a idades máis temperás. “Corren o risco de ver imaxes ou vídeos de contido sexual ou violento, con linguaxe impropia, e estar expostos a modas perigosas para a súa saúde e a todo tipo de informacións falsas” –indica–. Como consecuencia destas prácticas, os pequenos poden presentar danos psicolóxicos ou ter conductas perigosas.

Opcións para impedir o acceso dos menores a este tipo de contido:

-Buscadores seguros e apps de contido exclusivo para nenos e nenas.
-Solucións de control parental ofrecidas polos fabricantes dos sistemas operativos. 
-Ampla gama de aplicacións de control parental dispoñibles no mercado.
-Servizos de control parental ofertados polos operadores de telefonía.
-Alternativas técnicas como o filtrado DNS de contido.
-Outras ferramentas de control parental en plataformas de televisión e vídeo en streaming ou consolas de videoxogos, así como solucións para verificar a identidade e idade para acceder a contidos para adultos.

Se se opta por usar un control parental, o Colexio profesional recomenda buscar información sobre o tratamento de datos destas aplicacións. Pero como estes mecanismos non son infalibles, o CPEIG aconsella a pais e nais informar aos menores sobre os riscos destas prácticas para a súa privacidade e seguridade, ademais de limitar o tempo de uso dos dispositivos. “Os controis parentais son unha axuda pero nunca deben substituír á educación dos pais e nais na casa” –lembra Fernando Suárez–.

Obriga de protexer a súa intimidade e velar pola seguridade dos máis pequenos

Outra cuestión que deben ter en conta os proxenitores é o tema de subir imaxes dos fillos menores de idade á rede, unha práctica denominada shareting non exenta de riscos e que deber ser meditada previamente. Fernando Suárez destaca que é comprensible que os pais queiran compartir con outras persoas fotografías dos seus fíllos por “ilusión, alegría ou mesmo orgullo”, pero incide en que debe facerse sempre de forma responsable protexendo a intimidade e seguridade dos pequenos. “Os pais e nais teñen a responsabilidade na educación tecnolóxica dos seus fillos, polo que é moi importante que eles mesmos sexan exemplo no uso de imaxes nas redes sociais” –argumenta–.

Tamén nestes meses de pandemia proliferou esta práctica de compartir nas redes sociais imaxes familiares dos menores, xa que as relacións sociais establecéronse a través das tecnoloxías polas restricións de confinamento e mobilidade.

Para facer un shareting responsable, Fernando Suárez explica que os pais e nais deben ter en conta que existen outras formas máis seguras para compartir imaxes elixindo a plataforma axeitada. Subliña que cando se comparte unha imaxe transfírese á rede máis información da que se aprecia a simple vista, xa que pode conter detalles para a xeolocalización.