Pasar al contenido principal

Efraím Lema, cunha aplicación móbil para unha gramola virtual para locais de ocio, e Jorge López, con roupa intelixente para a industria, finalistas do Premio Proxecto Fin de Mestrado do CPEIG

A NOITE 2020

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) convocou este ano o “XI Premio Proxecto Fin de Carreira/ Mestrado en Enxeñaría en Informática”. O galardón, que ten unha dotación económica de 1.000 euros para o traballo gañador, quere ser un estímulo para os estudantes e titulados recentes en Enxeñaría en Informática ou Mestrado en Enxeñaría Informática. 

O premio recaeu en Aida Vidal Balea (Cambados, 1995), investigadora de novas tecnoloxías de realidade aumentada, polo seu proxecto “Aplicación gamificada mediante realidade aumentada para incentivar a actividade física de pacientes pediátricos de longa estancia” como Traballo Fin de Mestrado na Universidade da Coruña (UDC). O galardón entregouse na gala da XII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia o pasado 27 de novembro en Santiago.

Tamén foron finalistas do premio Efraím Lema Vidal co proxecto "Sistema multiplataforma de xestión de peticións e colas de reprodución para locais de ocio", e Jorge López Seijas co proxecto "Sistema de control de acceso e ubicación de operarios en función da equipación requirida dentro da industria". 

O proxecto de Efraím Lema, da Facultade de Informática da Universidade da CoruñA (UDC) versou sobre unha aplicación móbil multiplataforma sobre unha gramola virtual para locais de ocio. O sistema permite a xestión de colas de reprodución musicais, desenvolvida coa tecnoloxía Flutter de Google e un servidor Java. Nesta plataforma existen dúas perspectivas e, por tanto, dúas aplicacións: a dos locais e a dos clientes. Os clientes interactúan con establecementos do seu arredor e deciden a cola de reprodución musical, baixo a intermediación dun algoritmo. Por outro lado, os establecementos configuran a súa información pública e o catálogo musical que ofrecerán aos clientes, ademais de recibir estatísticos da información do seu negocio e clientela.

Por outra parte, o proxecto de Jorge López foi destinado a construción dun sistema que permita a mellora da seguridade e hixiene facendo uso dos EPIs (Elementos de Protección Individual) nun entorno industria, é dicir, crear roupa intelixencia para a industria. Para alcanzar este fin, incorporáronse no distinto equipamento dos operarios sensores que permitan saber, por unha parte, o equipamento do que dispón e, por outra, permitir ou denegarlle o acceso a certos espazos onde non cumpra os requisitos (permisos/equipamento), notificando ao operario do equipamento que lle falta a través dunha app Android. Ademais, é posible localizar en todo momento a sala na que se atopa o usuario, permitindo asistilo en caso de que sufrise algún accidente.

Os tres enxeñeiros en informática beneficiaranse dun ano de colexiación gratuíta. O ente colexial busca con esta distinción achegarse ao colectivo estudantil e defender as vantaxes da colexiación.