Pasar al contenido principal

O CPEIG confía nunha xestión triunfal da transición dixital para chegar a todos os cidadáns nestes momentos de crise sanitaria

A NOITE 2020

Fernando Suárez, presidente: “Vivimos nun período de profundos cambios, no que os sistemas tecnolóxicos volvéronse indivisibles das sociedades, empresas e gobernos aos que serven”

Celebrou o 27 de novembro A Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia con máis de 400 participantes virtuais que foron testemuña da entrega de premios anuais da profesión en Santiago

O CPEIG celebrou o pasado 27 de novembro a “XII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia”, un evento que este ano conta cunha dobre vertente presencial e virtual. No Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago de Compostela tivo lugar o evento presencial coa entrega dos premios anuais da profesión, ao que asistiron trinta persoas, mentres que na emisión en directo estiveron conectados máis de 400 profesionais do sector TIC de Galicia [ver streaming].

A xornalista María Almodóvar presentou esta duodécima edición, que clausurou o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo. O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, deu a benvida a todos os asistentes, tanto a premiados e autoridades presentes como á multitude que seguiu a gala virtual, á cita do Colexio co sector da Sociedade da Información en Galicia. Nun ano atípico como este 2020, agradeceu especialmente o compromiso de todas as empresas TIC colaboradoras, xa que nestes momentos “o apoio, a unidade e a solidariedade que sempre defendemos son máis necesarias que nunca”.

Destacando a importancia da profesión de enxeñaría en informática para combater a pandemia, Fernando Suárez incidiu no papel da tecnoloxía nestes meses para poder manter un alto nivel de actividade en moitos sectores, ademais da transcendencia das ferramentas informáticas para lograr a ansiada vacina mediante técnicas como a computación de altas prestacións ou a simulación. 

“Vivimos nun período de profundos cambios, no que os sistemas tecnolóxicos volvéronse indivisibles das sociedades, empresas e gobernos aos que serven. Os avances chegan tan rápido e en cantidades tan grandes que aqueles que non poden adaptarse quedan atrás, mentres que os rivais máis áxiles móvense para gañarse os corazóns e as mentes dunha poboación cada vez máis coñecedora da tecnoloxía. O mundo está inmerso nunha carreira tecnolóxica acelerada, no medio dunha revolución científica sen precedentes. A competitividade dos países dependerá da súa capacidade de desenvolver e implantar novas tecnoloxías, e convertelas en produtos e servizos de valor” –sinalou–.

Pero esta revolución non é só tecnolóxica senón tamén social e Suárez asegurou que os cambios tecnolóxicos, económicos e sociais que se están a vivir comportan enormes avances, pero que tamén sitúan á sociedade ante novos retos. En concreto, indicou que o maior desafío será xestionar a transición dixital con éxito para que os beneficios desta dixitalización cheguen á maior parte dos cidadáns, unha cuestión máis necesaria se cabe en situación de crise como a actual, onde a informática se converte nunha ferramenta esencial e verdadeiramente crítica para poder seguir adiante. 

Neste contexto, o presidente explicou que outro desafío será a adecuación da educación e a formación continua á actual realidade dixital. “Debemos fomentar o desenvolvemento de iniciativas que impulsen as competencias dixitais como base da educación do cidadán do século XXI, renegociando e redefinindo valores comúns para construír o noso futuro dixital sobre a base de principios como a equidade, a non discriminación, a responsabilidade e a inclusividade, que necesitan aplicarse da mesma forma no mundo online e offline, sentando as bases dunha Carta de Dereitos Dixitais que protexa os nosos valores e dereitos fundamentais, e en paralelo, modernizar as nosas políticas e institucións” –manifestou–. Neste punto do exponencial desenvolvemento tecnolóxico, subliñou que os enxeñeiros en informática terán novas responsabilidades que deberán asumir con valentía, compromiso e ilusión.

Solidariedade para os máis pequenos con Cáritas

Ademais, neste ano marcado pola covid-19, A NOITE servirá de apoio a tantas familias que están a vivir situacións complicadas. O final e o inicio do curso escolar tiveron como protagonista á teledocencia, onde se viu o papel fundamental das novas tecnoloxías para poder continuar coas clases desde os fogares de todos e todas as nenas e nenos de Galicia. Por iso, entregouse un 5% da recadación dos patrocinadores da NOITE á organización benéfica Cáritas para que poida agasallar aos pequenos máis necesitados con material tecnolóxico para a súa educación neste Nadal. O presidente de Cáritas Interparroquial de Santiago, Luis Calviño, recolleu o talón solidario.

Outro sector gravemente prexudicado pola crise sanitaria foi a hostalería, polo que o CPEIG decidiu agasallar ao público presente e virtual cunha caixa de produtos galegos de alimentación gourmet. Como detalle, no kit figura un código QR que os destinatarios poderán escanear para acceder ao sitio http://premios.anoite.gal/, un tour virtual de 360º, creado pola empresa Ilux, no que visualizará a gravación da NOITE 2020 e unha galería fotográfica da gala e dun concurso de selfies dos participantes da retransmisión online.

Como espectáculo lúdico, o evento contou coa actuación do mago Jorge Blass que ofreceu un show no que uniu maxia e tecnoloxía. Aproveitando a interacción directa que ofrece o streaming, Blass fixo varios trucos de maxia con cartas –sobre a temática dos premios e de diversas cuestións do contexto actual das novas tecnoloxías– para os que contou con voluntarios afeccionados a esta arte.

Os premiados foron a Cidade das TIC, o proxecto Smartiago do Concello de Santiago, a aplicación móbil Localsafe, a Confedación Aspace polo proxecto #AspaceNet, Aida Vidal Balea, a Tecnópole, Appentra, Miguel Rodríguez Rubio, Sabela Ramos e Miguel A. Amutio.