Pasar al contenido principal

Miguel A. Amutio, director da División de Planificación e Coordinación de Ciberseguridade do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, premio Colexiado de Honra do CPEIG

Amutio

Recollerá a distinción na gala da “XII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” que se celebrará este venres, 27 de novembro, no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) outorga o premio Colexiado de Honra a Miguel A. Amutio, pola súa contribución ao desenvolvemento da administración electrónica en España.

Estes premios enmárcanse na gala da “XII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia”,  a máis importante do sector da informática en Galicia, que se celebrará este venres, 27 de novembro, no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago de Compostela. Os premios da Noite corresponden a dez categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática.

Miguel A. Amutio Gómez é director da División de Planificación e Coordinación de Ciberseguridade da Secretaría Xeral de Administración Dixital e da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital. Neste posto, desenvolve a dirección técnica e estratéxica do Centro de Operacións de Ciberseguridade da Administración Xeral do Estado e os seus organismos públicos, así como o desenvolvemento e aplicación do Real Decreto 3/2010 Esquema Nacional de Seguridade e as súas Instrucións Técnicas de Seguridade, ambas en estreita colaboración co Centro Criptolóxico Nacional (CCN).

Amutio é Licenciado en Informática pola Universidade de Deusto (1988) e é titular das certificacións profesionais CISA, CISM e CRISC. Tras unha etapa de seis anos no sector privado, en 1994 ingresou como funcionario en prácticas no Corpo Superior de Tecnoloxías da Información e realizou as prácticas na Dirección Xeral de Informática Presupuestaria e na Subdirección Xeral de Custos de Persoal e Pensións Públicas. 

Co seu nomeamento de funcionario de carreira, no posto de Técnico Superior de Tecnoloxías da Información incorporouse en 1995 ao Ministerio de Administracións Públicas, na Subdirección Xeral de Coordinación Informática. Posteriormente, desde 1998 foi conselleiro técnico de Normas Tecnolóxicas. A partir de 2006 foi xefe de Área de Planificación e Explotación. Desde 2014 a 2018, exerceu de subdirector adxunto na Subdirección Xeral de Coordinación de Unidades TIC.

Cabe destacar o seu traballo na coordinación do desenvolvemento e coordinación dos esquemas nacionais de interoperabilidade e seguridade e as súas respectivas normas técnicas, actuando no campo dos comités e grupos da Unión Europea, así como na difusión e comunicación.

Coordina e edita diversas publicacións oficiais, como guías técnicas para a dixitalización electrónica da Administración Pública. Contribuíu tamén a múltiples publicacións, revistas e obras colectivas en temas de servizos transfronteirizos e Unión Europea, seguridade, auditoría, interoperabilidade, estándares, documento electrónico, entre outros. Recibiu diversos premios e recoñecementos pola súa contribución ao desenvolvemento do Esquema Nacional de Interoperabilidade e do Esquema Nacional de Seguridade.