Pasar al contenido principal

O CPEIG e a Amtega inician un curso de coñecementos avanzados sobre administración electrónica para empregados públicos

Curso Egap

Fernando Suárez, presidente do Colexio: “Na pandemia, a informática permitiu o funcionamento da Administración, lección coa que se demostra que a dixitalización permítenos achegar as organizacións públicas ao cidadán”

Inauguraron hoxe a décima edición do Curso Superior de Administración Electrónica que se impartirá ata o 20 de outubro na EGAP

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) inauguraron hoxe a décima edición do “Curso Superior de Administración Electrónica”. O acto celebrouse no salón de actos da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) de Santiago de Compostela, presidido pola directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, e o presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo. 

A Lei 39/2015 do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas sinala que  unha Administración sen papel, baseada nun funcionamento integramente electrónico, non só serve aos principios de eficacia e eficiencia, ao aforrar custos a cidadáns e empresas, senón que tamén reforza as garantías e ofrece transparencia. No momento actual, marcado pala pandemia da covid-19, Fernando Suárez sinalou que a informática permitiu soster a educación, a economía, as relacións persoais, e por suposto o funcionamento da Administración Pública, “unha importante lección coa que se demostra que a dixitalización permítenos achegar as organizacións públicas ao cidadán”.

Para reforzar esta idea, o presidente do CPEIG analizou os obxectivos da Axenda España Dixital 2025, centrada no impulso da transformación dixital que axudará ao desenvolvemento do Estado, co despregamento do 5G, o reforzo da ciberseguridade, a dixitalización das administracións públicas e das empresas, o desenvolvemento da economía do dato, a Intelixencia Artificial e os dereitos dixitais da cidadanía, entre outros. “Esta axenda marca que en 2025, o 50% dos servizos públicos estarán dispoñibles en app móbil e simplificarase a relación da cidadanía e empresas coas administracións” –asegurou–. Tamén España Dixital 2025 tentará pechar as fendas dixitais (socioeconómicas, de xénero, xeracionais, territoriais ou ambientais), que Suárez manifestou que se acentuaron aínda máis durante a pandemia. “Preténdese conseguir que en 2025 o 80% das persoas teñan competencias dixitais básicas, a metade delas mulleres” –indicou–.lcanzar estes propósitos, Fernando Suárez apuntou que as organizacións públicas deben “cambiar, moverse  e actuar”, tendo como centro da transformación ao cidadán e os servizos que se lle ofrecen. 

Durante a súa intervención, a directora da EGAP incidiu na necesidade de ofrecer unha formación actualizada e de calidade aos empregados da Xunta de Galicia sobre as ferramentas dixitais da Administración coa finalidade de ofrecer un servizo eficiente á cidadanía, especialmente relevante no momento actual para dar resposta ás necesidades creadas pola covid-19. 

Ademais, a directora da Escola destacou esta materia como esencial debido á progresiva transformación do sector público a un modelo integramente dixital e aos cambios derivados da aprobación da Lei 39/2015, a cal sentou as bases dun aparato administrativo que lle asegura á cidadanía a posibilidade de relacionarse cos organismos públicos a través de medios electrónicos, poñendo á disposición das persoas interesadas todas as canles de acceso que sexan precisas así como garantindo o dereito a recibir asistencia no seu uso por parte dos empregados públicos.

Servizos con maior orientación ao usuario das administracións

O director da División de Planificación y Coordinación de Ciberseguridad do Ministerio de Política Territorial y Función Pública, Miguel Ángel Amutio, explicou na súa presentación, “Presente e futuro da administración electrónica”, que a transformación dixital, acelerada pola pandemia da covid-19, é un feito inexorable que afecta a todos os ámbitos, incluíndo ás organizacións nos seus procesos, servizos e datos manexados, ás persoas como profesionais e cidadáns, aos medios e hábitos de traballo, educación, entretemento, ocio, consumo, e interacción social, “a causa de la omnipresencia de la tecnología, en condiciones de hiperconectividad e interacción digital intensificada, con la expectativa de desarrollarnos en una sociedad digital segura y confiable”. 

Amutio sinala que o momento actual é para a Administración unha oportunidade de transformación “que va más allá de lo estrictamente tecnológico”, para facilitar a aplicación das políticas públicas en xeral e de igualdade en particular, e alcanzar escenarios de servizos con maior orientación ao usuario e, segundo os datos, abertos, inclusivos, participativos, atendendo igualmente aos posibles riscos pola acentuada dependencia da tecnoloxía. 

Formación transversal

O Curso Superior de Administración Electrónica pretende afondar, desde unha perspectiva técnico-xurídica, na concepción da administración electrónica, incidindo na importancia que ten a súa implantación nas distintas administracións galegas. O obxecto é integrar de maneira transversal os ámbitos tecnolóxicos, xurídicos, políticos, organizativos e comunicativos, entre outros.

Abordaranse os principais aspectos das normas existentes e analizarase o modo no que a administración electrónica foi aplicada ata a actualidade e as súas perspectivas de futuro. Explicarase a intensificación do uso de medios electrónicos contida na Lei de Contratos do Sector Público; a utilización de medios electrónicos a efectos do cumprimento da Lei de transparencia e como instrumento para favorecer a participación; así como a incidencia que ten o regulamento Xeral de Protección de Datos (RGPD) e a Lei de Protección de Datos; sen esquecer cuestións relacionadas cos Esquemas nacionais de seguridade e de interoperabilidade e a súa aplicación.

A experiencia das distintas edicións permitiu adaptar o temario de modo que os estudantes obteñan coñecementos avanzados sobre a realidade política e social, o funcionamento do sector público e as tecnoloxías da información. “Esta formación capacitará aos profesionais para poñer en marcha proxectos de administración electrónica, avaliar o seu impacto sobre a calidade dos servizos, e para que, en definitiva, contribúan a mellorar o rendemento da administración e as políticas públicas” –salientou Fernando Suárez–.

A formación está destinada a 50 empregados públicos, en situación de servizo activo da Administración autonómica e entidades instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia. Impartirase na modalidade semipresencial, con 30 horas de prácticas presenciais en Santiago de Compostela os días 22 e 29 de setembro e 6, 13 e 20 de outubro, en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas, e 84 horas de teleformación.